A Vicepresidencia destaca a implicación da SD Monterroso na acollida das persoas que se aloxaron no centro de refuxiados da localidade
O vicepresidente da Deputación Efrén Castro valorou a implicación da SD Monterroso na acollida das persoas que se aloxaron no centro de refuxiados da localidade.
Desde a apertura do centro, en setembro de 2024, o club abriu as portas ao colectivo migrante, ofrecéndolles o fútbol como unha alternativa de ocio e unha plataforma desde a que relacionarse e convivir co resto da veciñanza.
A iniciativa contou coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, que apoiou economicamente ao club cunha achega de 5.000 euros para a compra de material deportivo e a organización de entrenamentos e actividades de convivencia que converteron Os Cerdeiriños nun espazo de acollida.
O vicepresidente da Deputación mantivo a semana pasada un encontro coa directiva e con xogadores do primeiro equipo da SD Monterroso que valoraron a experiencia destes meses nos que compartiron sesións de adestramento con migrantes e incorporaron ao equipo ao senegalés Bouba Cissé.
Efrén Castro destacou “a iniciativa e a capacidade de liderado social do club que desde o primeiro momento se puxo do lado dos dereitos humanos e da solidariedade contribuíndo a normalizar a presenza das persoas migrantes na localidade e que sostivo ese compromiso no tempo, con accións concretas que melloraron a vida desas persoas e facilitaron a integración e a convivencia”.
Na reunión, confirmouse tamén a vontade do club de profundizar neste labor, organizando un torneo amistoso entre equipos formados por migrantes e programando viaxes co equipo pola provincia.