Deputación de Lugo

A Presidenta da Deputación sitúa o Caldo de Ósos de Taboada como “unha das citas gastronómicas máis consolidadas da provincia”

caldo de ósos
Taboada
carmela lópez
A mandataria provincial asistiu á XXXIV edición desta festa que se celebrou ao longo desta fin de semana e que conta cunha achega económica da Deputación de case 15.000€

A Presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, asistiu este domingo xunto ao Alcalde de Taboada, Roi Rigueira Agromartín, á trixésimo cuarta edición da Festa do Caldo de Ósos que se celebrou neste municipio ao longo desta fin de semana. A institución provincial colabora con esta cita cunha achega económica de case 15.000€ a través do Plan Deputación.

Carmela López resaltou que “esta é unha das citas gastronómicas máis consolidadas da provincia” que en cada edición consegue atraer a numerosos veciños e visitantes ata Taboada. Avanzou tamén que “o caldo de ósos que aquí se elabora destaca pola súa calidade e polo seu sabor, pero tamén pola historia que leva detrás” e definiuno como un “prato estrela que pasou de xeración a xeración conservando un patrimonio que transcende ao ámbito culinario”. 

Agradeceu ademais o labor do Concello “e de todas as persoas implicadas na organización que fan posible que esta cita continúe celebrándose con éxito ano tras ano, sen perder as súas raíces”.

Durante toda a xornada do domingo os veciños e visitantes desfrutaron dun mercado de produtos de artesanía con demostracións en vivo; dunha feira de razas autóctonas e de actividades lúdicas e culturais no recinto feiral. Así mesmo, houbo un desfile de folións e cabezudos da Asociación Cultural Rechouchíos de Taboada; degustacións; concertos e obradoiros infantís.