Deputación de Lugo

Carmela López visita as dependencias provinciais do Fogar de Santa María e do Servizo de Audiovisuais

 

A Presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López,continuou este martes coa rolda de visitas polos diferentes servizos provinciais da institución, que iniciou hai unhas semanas co obxectivo de coñecer de primeira man o funcionamento das distintas áreas e as necesidades do persoal da Deputación.

 

A xornada comezou no Fogar de Santa María, onde a mandataria provincial percorreu os departamentos de Recadación, Vías e Obras, Medio Ambiente, Cooperación cos Concellos, Formación e Asesoría Xurídica, mantendo encontros co persoal técnico e administrativo destes servizos. Posteriormente, Carmela López desprazouse ás instalacións do Centro de Producións do Servizo de Audiovisuais, situadas en Garabolos, onde puido coñecer o traballo que se desenvolve neste servizo e os recursos cos que conta. Así mesmo, mantivo tamén un encontro co alumnado e o profesorado da Escola de Audiovisuais da Deputación, que durante esta semana están a desenvolver un programa de actividades especiais con motivo da Semana do Teatro.