Deputación de Lugo

A Presidenta traslada ao Delegado do Goberno as necesidades máis urxentes para a provincia

Delegado do Goberno
Carmela López recibiu a Pedro Blanco no Pazo de San Marcos e mantivo con el o seu primeiro encontro oficial, que serviu para ver xuntos as prioridades para Lugo en termos de infraestruturas, industria, turismo ou políticas sociais

Reivindicou a autovía da Mariña e melloras para a N-120 e a N-540; puxo en valor os esforzos que se están a acometer na autovía a Santiago, a punto de finalizar, e na rede ferroviaria; tamén abordou a necesidade dun plan industrial e o papel de Alcoa

Acompañado pola Subdelegada do Goberno, Blanco sinalou que en Lugo “temos retos por diante”, pero puxo en valor que “nunca contamos con tantos recursos, tantos proxectos nin tanto compromiso do Estado: máis de 1.400 M€ en investimento público”

Esta cita se enmarca na rolda de contactos institucionais que está a impulsar a mandataria provincial “porque creo que a única maneira de avanzar e falando, coordinándonos con outras administracións e poñendo a provincia no centro”

A Presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, recibiu este martes no Pazo de San Marcos ao Delegado do Goberno de Galicia, Pedro Blanco Lobeiras, no seu primeiro encontro oficial que serviu para ver xuntos as prioridades de Lugo en termos de infraestruturas, industria, turismo ou políticas sociais. A reunión de traballo tivo lugar no despacho da mandataria provincial, que aproveitou para reivindicar as necesidades máis urxentes do territorio en termos de infraestruturas, industria, turismo ou políticas sociais.

“Lugo é unha provincia que ten moitísimas potencialidades, pero ten unha realidade complexa. É unha provincia extensa, moi rural, ten unha poboación envellecida e un reto demográfico moi claro”, expuxo Carmela López, para quen “temos que tomar decisións con moitísimo sentido pensando no medio e no largo prazo”. Nese senso, sinalou que desde que asumiu a Presidencia está a manter reunións e encontros deste tipo “porque creo firmemente que é a única maneira de avanzar, falando, coordinándonos e poñendo a provincia no centro”. E avanzou que ten pedida unha reunión coa Xunta de Galicia, co Presidente Rueda e coa Conselleira de Políticas Sociais.

Carmela López explicou que un dos puntos máis importantes que abordou co Subdelegado foron as infraestruturas. Sinalou a autovía da Mariña como “unha necesidade evidente” porque a N-642 soporta moitísimo tráfico e se trata dunha vía imprescindible no que ten que ver coa mobilidade e coa competitividade económica da comarca. Subliñou a necesidade de seguir mellorando a N-120 entre Lugo e Ourense e a N-540 entre o centro da provincia e o sur de Lugo. Puxo en valor os investimentos realizados na A-54, a autovía a Santiago, “que confiamos poder inaugurar nos próximos meses” e que vai cambiar a nosa forma de movernos e de comunicarnos. Tamén destacou o “gran traballo” que se está a realizar na rede ferroviaria, para a súa modernización ou impulsando a Intermodal de Lugo.

Sinalou a Presidenta que a Deputación captou nos últimos anos máis de 13,5M€ de fondos europeos, “que están chegando aos 67 concellos da provincia e que se traducen en máis servizos, modernización da administración local, transformación dixital e apoio ao tecido económico, así como máis oportunidades para o rural”.

Necesidade de un Plan industrial para a Mariña

Precisamente destacou que no ámbito económico “abordamos a necesidade dunha estratexia industrial sólida para Galicia, porque a provincia de Lugo necesita industria, emprego estable e futuro”. Aproveitou López para reclamarlle á Xunta de Galicia un Plan Industrial para Galicia, para poder contar cunha folla de ruta clara nese sentido. Nun contexto no que Carmela López se referiu a Alcoa, “unha industria estratéxica para a provincia polo seu peso económico, polo emprego que xera e polo impacto que ten directo e indirecto na comarca da Mariña”.

A reunión serviu tamén para abordar as políticas sociais, sinalando os avances feitos polo Goberno do Estado en materia de pensións ou a suba do salario mínimo interprofesional e destacando que “hai que seguir reforzando o conxunto do estado do benestar, garantindo dignidade, protección e igualdade”.

Finalmente, tamén quixo destacar que no encontro mencionaron a importancia de conseguir para a Ribeira Sacra a Declaración como Patrimonio da Humanidade. “Xa estamos na recta final dun proceso longo, complexo e ilusionante” no que a Deputación de Lugo leva anos traballando e no que está convencida de que “coa implicación de todas as administracións, estamos máis preto de acadar un obxectivo que sería histórico para a provincia de Lugo”.

“Lugo vive o seu mellor momento”

Pola súa banda, o Delegado do Goberno agradeceu á Presidenta un encontro que serviu para “poñer o foco no rural, no reto demográfico e nas necesidades reais dunha provincia extensa, dispersa e profundamente rural”. Segundo explicou, el e Carmela López coinciden na visión de que non pode haber cohesión territorial sen un rural vivo, polo que para garantir o futuro da provincia é importantísimo contar con máis e mellores infraestruturas, máis industria e reforzo do benestar.

Pedro Blanco afirmou en todo caso que Lugo vive o seu mellor momento, e o Goberno de España está a acompañar ese avance con feitos, recursos e compromiso político. Nese sentido, destacou que o Goberno de Pedro Sánchez é o Goberno que máis fixo por Lugo, investindo máis de 1.400M€ en investimento público, tanto en infraestruturas como en industria e servizos públicos. Puxo como exemplo os 650M€ achegados para mellorar a rede ferroviaria ou nos 170M€ destinados á conservación da rede viaria, na que dixo que se seguirá avanzando.

Destacou tamén os 70M€ nas axudas directas que están facendo chegar para proxectos solventes maduros e con futuro, que están a mellorar as nosas empresas; os 22M€ investidos para estender a banda ancha na provincia; ou os 40M€ dos últimos anos destinados a atender as demandas do sector primario. No que ten que ver coa vivenda, puxo en valor que o Goberno está a despregar financiamento récord para a rehabilitación de vivenda pública, alugueiro asumible e axudas ao rural, transferindo á Xunta de Galicia 530M€.

O Delegado do Goberno tendeu a mano á Presidenta da Deputación e sinalou o seu convencemento de que “traballando xuntos, consolidaremos a provincia que xa avanza e que todos queremos: con máis investimento, máis proxectos e máis oportunidades”.