Deputación de Lugo

Carmela López destaca o labor do Museo Comarcal da Fonsagrada, recoñecido hoxe co Butelo de Ouro

Feira do Butelo
A Presidenta da Deputación de Lugo participou xunto ao Alcalde da Fonsagrada na distinción deste espazo cultural que, segundo sinalou “leva anos facendo un traballo serio, constante e comprometido coa historia desta comarca”

Xoán Xosé Molina foi o encargado de recoller este recoñecemento no marco da tradicional Feira do Butelo fonsagradina que poñía fin este domingo a dous días dunha das citas gastronómicas máis importantes dos Ancares

A Presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, participou este domingo xunto ao Alcalde da Fonsagrada e Deputado provincial, Carlos López, na entrega do Butelo de Ouro, que este ano recoñece ao Museo Comarcal da Fonsagrada. Un espazo cultural do que a mandataria provincial destacou o seu labor na conservación da memoria da Montaña.

“O museo leva anos facendo un traballo serio, constante e comprometido coa historia desta comarca. Un traballo que non sempre se ve, pero que é fundamental para entender AFonsagrada, a súa xente e a súa maneira de vivir”, destacou a Presidenta. Puxo en valor que “recoñecer ao Museo Comarcal é recoñecer a importancia de conservar a memoria sen idealizala, de explicala con rigor e de transmitila con orgullo. É entender que a cultura e o patrimonio tamén forman parte do futuro dun territorio”.

Na súa primeira visita á Feira do Butelo como Presidenta da Deputación, Carmela López puxo en valor o produto estrela desta cita “que se constrúe co tempo, co coidado e coa implicación de moita xente”. “Un orgullo compartido que nace do convencemento de que o propio ten valor cando se coida, cando se defende e cando se comparte con naturalidade”. E nese sentido sinalou que o Butelo de Ouro recoñece a traxectoria e o camiño percorrido para que A Fonsagrada sexa hoxe o que é.

Xoán Xosé Molina, presidente do Museo Comarcal da Fonsagrada, foi o encargado de recoller este recoñecemento de mans do Alcalde que, durante a súa intervención loou a pegada deste espazo “na conservación, divulgación e posta en valor da nosa historia para transmitir ese legado ás xeracións futuras”.

Situado na Praza do Museo, o Museo Comarcal da Fonsagrada está aberto durante todo o ano e alberga unha mostra expositiva con utensilios, ferramentas e reconstrucións de oficios tradicionais como a forxa, cestería ou zapatería; obxectos cotiáns da vida no rural como material escolar antigo, pezas vencelladas á labranza; maquetas, planos e fotografías para coñecer as características construtivas das vivendas, hórreos ou moliños típicos da contorna; pezas que abarcan do período megalítico ata a época castrexa e a romanización; e esculturas e obras de artistas galegos contemporáneos. A entrada ten un custo de 1,5€ para os maiores de 12 anos e durante o inverno pode visitarse de martes a domingo en horario de 12:00 a 14:00 horas e nas fines de semana tamén polas tardes, de 17:00 a 19:00 horas.  

A XXIX edición da Feira do Butelo, á que a Deputación achegou 35.000€, péchase este domingo coa participación de 60 postos de venta de alimentación e artesanía que o ano pasado acadaron un volume de vendas de produto cárnico de 25.000 quilos.