A Presidenta deu hoxe a benvida aos novos pequenos exploradores de Terras do Miño
“É un pracer acompañarvos no arranque desta aventura coa que coñeceredes de preto a natureza que nos rodea a través de actividades e xogos para descubrir os tesouros da nosa Reserva da Biosfera”, trasladou a Presidenta ao grupo
A Presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, acompañada polo Deputado de Medio Ambiente, Carlos López, recibiu na tarde deste venres no Centro de Interpretación Terras do Miño aos nenos e nenas que participan na terceira edición do programa Exploradores do Miño, unha iniciativa promovida pola institución provincial para fomentar a educación ambiental neste espazo natural.
Ata o 26 de xuño, unha vintena de rapaces de 6 a 11 anos gozarán de actividades lúdicas que lles permitirán coñecer de preto a natureza da Reserva de Terras do Miño, xestionada pola institución provincial.
“É un pracer acompañarvos no arranque desta aventura coa que coñeceredes de preto a natureza que nos rodea a través de actividades e xogos para descubrir os tesouros da nosa Reserva da Biosfera”, trasladou a Presidenta aos participantes neste primeiro día de actividade.
Así mesmo, Carmela López puxo en valor a singularidade deste espazo natural, ao que cualificou como “un auténtico tesouro da natureza”, e lembrou aos pequenos que todos temos a responsabilidade de coidalo. Agradeceulles a súa participación, a súa curiosidade e o compromiso de ser gardiáns da nosa provincia no futuro.
Exploradores do Miño
A terceira edición do programa Exploradores do Miño da Deputación arrancou hoxe e desenvolverase todos os venres ata o 26 de xuño, agás os festivos do 3 de abril e o 1 de maio, en horario de 17:00 a 19:00 horas.
Entre as actividades que se realizarán destacan facer un herbario con follas recollidas na contorna, aprender a reciclar e compostar, coñecer o ciclo da auga, recoñecer animais da biosfera ou elaborar un mapa con topónimos. O Centro de Interpretación Terras do Miño situado no entorno fluvial do río Rato ofrece un marco incomparable para que os nenos e nenas desenvolvan traballos de sensibilización e concienciación medioambiental. Ade-mais, o programa contribúe á conciliación persoal e laboral das familias, combinando educación e diversión nun espazo natural único.