Deputación de Lugo
Turismo

A Fonsagrada prepárase para recibir a fin de semana a milleiros de visitantes na Feira do Butelo

Pablo Rivera Capón
Carlos López
Feira do Butelo
A institución provincial achega 35.000€ a esta cita que se presentou no Pazo de San Marcos, e que prevé superar os 25.000 quilos vendidos na edición pasada deste embutido emblemático da Montaña

“Un evento que é motor económico para a comarca, que pon en valor un produto de excelencia e que contribúe a fixar poboación no rural a través da tradición e da gastronomía”, sinalou o Deputado de Promoción Económica e Social

O Deputado de Promoción Económica e Social, PabloRivera Capón, o Alcalde da Fonsagrada e Deputado de Medio Ambiente, Carlos López López, e o Concelleiro de Deportes, Feiras e Festas fonsagradino, Silbán Rodríguez Palmeiro, presentaron no Pazo de San Marcos a XXIX edición da Feira do Butelo que agarda recibir esta fin de semana a milleiros de persoas na capital da Montaña Lucense. A institución provincial achega 35.000 euros para apoiar esta cita declarada Festa de Interese Turístico de Galicia, e na que se prevé superar os 25.000 quilos vendidos na edición anterior deste embutido emblemático.


Durante a presentación, PabloRivera destacou que “o Butelo é un evento que é motor económico para a comarca, que pon en valor un produto de excelencia e que contribúe a fixar poboación no rural a través da tradición e da gastronomía”. “É un produto que distingue á Fonsagrada e a toda a provincia de Lugo, cun alto valor engadido e cunha industria que xera riqueza e emprego na comarca e no concello”, apuntou.


Así mesmo, o Deputado resaltou tamén o traballo dos artesáns que manteñen viva esta tradición durante máis de tres décadas: “Sen eles sería imposible celebrar esta cita, porque o butelo non só é un produto gastronómico, senón un símbolo da nosa cultura e da nosa historia”. Nesta liña explicou que A Fonsagrada “é un referente non só na gastronomía, senón tamén no ámbito turístico e deportivo, froito do esforzo constante do Concello”. Rematou convidando a todos os veciños e veciñas da provincia a achegarse á feira esta fin de semana “para desfrutar dun dos grandes tesouros gastronómicos que temos na nosa provincia e dos grandes atractivos que ofrece a montaña lucense”. 


Pola súa banda, Carlos López agradeceu o apoio da Deputación que “é fundamental xa que sen a achega económica da institución provincial sería imposible”. López indicou que estes dous días de feira atrae a milleiros de visitantes, "xerando unha inxección de recursos para a hostalería e o comercio que compensa períodos de menor actividade”. 

Programa 

O programa da XIX Feira do Butelo da Fonsagrada arrincará o sábado ás 10:00 horas coa apertura da carpa, que estará situada na Praza do Concello e permanecerá aberta ata ás 20:00 horas. Ás 12:00 horas terá lugar a inauguración oficial a cargo das autoridades, que posteriormente realizarán unha visita aos postos de alimentación e artesanía participantes.

O domingo o recinto feiral abrirá de novo as portas, ás 10 da mañá, e ao mediodía horas a carpa acollerá unha actuación do grupo de música tradicional Illa Pancha. Ás 13:00 horas terá lugar a entrega do Butelo de Ouro no Salón de Plenos da Casa Consistorial; e a continuación a Asociación Cultural Antaruxas e Sorteiros amenizará a xornada festiva que se prolongará ata as 20:00 horas.