A Deputación traballa para facer fronte a un episodio de neve e xeo rexistrado dende este mediodía
A Deputación de Lugo informa de que desde este mediodía está a traballar de maneira coordinada para facer fronte ao episodio de neve e xeo rexistrado en distintos puntos da provincia, no que se acumularon nas estradas provinciais entre 5 e 8 centímetros de neve.
Os concellos máis afectados por este episodio son Folgoso do Courel, Samos, Pedrafita do Cebreiro e Cervantes, onde os servizos provinciais están a actuar de maneira intensa.
Os traballos céntranse na limpeza das estradas provinciais e na aplicación de sal para evitar a formación de xeo, co obxectivo de que mañá non existan problemas de circulación e que o transporte escolar poida circular con normalidade.
Nesta zona non se mantén a esta hora ningunha estrada cortada, aínda que desde a Deputación se pide responsabilidade á cidadanía e que se realicen unicamente os desprazamentos necesarios, extremando as precaucións.
A Deputación continuará pendente da evolución do episodio meteorolóxico e manterá activos todos os medios necesarios mentres persistan as condicións adversas.