A Deputación financia un inventario sobre os polinizadores das Reservas Terras do Miño e Ancares
A Deputación de Lugo vén de financiar un inventario sobre os polinizadores das Reservas da Biosfera que xestiona, Terras do Miño e Ancares Lucenses. O proxecto, a cargo da Asociación Corripa, contou con algo máis de 18.000€ da institución provincial e foi presentado a semana pasada no Foro de Conservación da Natureza do Comité Español da UCIN que tivo lugar en Burgos.
Investigar e conservar os polinizadores silvestres en parcelas de gandeiros en extensivo destes territorios é o obxectivo desta iniciativa, que entre outras cuestións encargouse da colocación, control e mantemento de 40 refuxios para abellas. O proxecto contou coa implicación de 37 produtores e, entre outras accións, elimináronse as substancias e produtos químicos que se empregan para protexer as plantas de enfermidades, pragas e malas herbas.
Grazas ao investimento da institución provincial, esta iniciativa conseguiu identificar e clasificar centos destas especies, pertencentes a diferentes ordes de insectos polinizadores: 51 coleópteros; 62 dípteros e 50 lepidópteros; e máis de 140 especies de abellas silvestres -72 tipos nos Ancares e 69 en Terras do Miño-. Estas especies en gandarías en extensivo melloran a dispoñibilidade e a calidade do pasto, o control biolóxico das pragas, mellora a reciclaxe de nutrientes ou contribúen ao mantemento da biodiversidade.