Deputación de Lugo

A Deputación aproba a resolución dos contratos de construción das residencias da Pontenova e Guitiriz

Xunta de Goberno

A institución provincial recibiu este mércores o ditame favorable do Consello Consultivo de Galicia, un trámite obrigatorio e necesario para avanzar neste proceso e reactivar as obras de ambos centros de atención a maiores

Na reunión deste venres tamén se aprobou un importe conxunto de máis de 900.000€ para mellorar tres vías provinciais ao seu paso polos concellos da Pastoriza, Outeiro de Rei, Begonte, O Corgo e acondicionar infraestruturas en Guitiriz

Aprobado o Plan Anual de Contratación 2026 dotado con 13,2M€, o documento recolle a previsión dos procedementos de contratación de servizos, subministracións e obras que desenvolverá a institución provincial ao longo deste ano
 

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo celebrada este venres vén de aprobar a resolución dos contratos de construción das residencias da Pontenova e Guitiriz tras o incumprimento nas dúas obras por parte da empresa adxudicataria. Así o informou a Voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, quen recalcou que “a Deputación elaborou os informes técnicos necesarios para proceder á resolución de ambos os dous contratos”.

García Porto lembrou que “no Pleno deste martes aprobamos a ampliación do prazo dos traballos recollido no convenio coa Pontenova, porque expiraba o 15 de agosto do 2025; mentres que no caso de Guitiriz non foi necesario porque continúa en prazo. De feito, no Pleno insistimos tamén na necesidade de que o Consello Consultivo de Galicia emitise o seu ditame para poder resolver estes contratos, porque é un trámite obrigatorio e necesario para avanzar neste proceso”.

Nesta liña avanzou que “o mércores recibimos a resposta deste órgano, favorable á nosa petición para as dúas residencias e, polo tanto, xa podemos proceder á liquidación definitiva do acordo con esta empresa e continuar dando os pasos necesarios para poder reactivar as obras”. 

“Con este acordo, cumprimos coa nosa palabra e reafirmamos o noso compromiso co coidado das persoas maiores, porque seguimos adiante coas obras destas dúas residencias. Facémolo a través dunhas residencias únicas que sacamos adiante en solitario, sen ningún tipo de colaboración, nin económica nin en materia de xestión, por parte da Xunta de Galicia, que como saben, é a Administración que ten atribuídas as competencias en servizos sociais”, reiterou. 

Así mesmo, recordou que a institución provincial ten abertas nove residencias e que o “o noso compromiso é o de sempre, a pesar do ruído que outros queren facer”.

Máis de 900.000€ para mobilidade e infraestruturas


Na reunión desta mañá aprobouse un investimento conxunto de máis de 900.000€ para mellorar tres estradas provinciais ao seu paso polos concellos da Pastoriza, Outeiro de Rei, Begonte, O Corgo e acondicionar infraestruturas en Guitiriz.

- Licitouse por 53.545,57€ as obras para acondicionar un treito da LU-P-3006, a vía que une Meira con Pastoriza por Fonmiñá. Con este proxecto arranxarase un tramo de algo máis de 800 metros -do punto quilométrico 1,120 ao 1,935-. García Porto resaltou a importancia desta vía “porque vai desde o núcleo meirense da Pena ata a LU-122. Ademais dá servizo a explotacións gandeiras, conecta directamente co polígono industrial de Meira, no que se atopan establecementos hostaleiros e diferentes negocios, e dá acceso ao centro de saúde do municipio”.

As obras que se van acometer son a reapertura de cunetas, a pavimentación do firme con aglomerado en quente e o repintado da vía mediante marcas reflexivas brancas.  Unha vez se inicien os traballos o prazo de execución será de 3 meses.

- Licitado tamén por 754.307,53€ un proxecto para mellorar tres tramos do cinto comarcal que afectan aos concellos de Outeiro de Rei, Begonte e O Corgo. Os treitos que se van arranxar son:

•    Algo máis de cinco quilómetros á altura do límite municipal entre Outeiro de Rei e Begonte -do punto quilométrico 56,745 ao 62,175-.
•    Case un quilómetro no concello do Corgo, preto do límite con Castro de Rei -do punto 125,850 ao 126,825-.
•    E tamén no Corgo, preto doutro quilómetro no Alto de Gomeán -do punto 130,559 ao 131,314-.

Os traballos que se van acometer son: a reapertura de cunetas, a pavimentación do firme con aglomerado en quente, o repintado da vía e a reposición de sinais verticais. Unha vez se inicien as obras o prazo de execución será de 3 meses.

A Voceira socialista anunciou tamén a adxudicación ao Grupo Bascuas, por 92.439,05€, das obras para a instalación do alumeado e a ampliación da zona de aparcamento da LU-P-2304, a estrada que comunica o núcleo urbano coa área recreativa Sete Muíños, no concello de Guitiriz.

Estes traballos terán un prazo de execución de dous meses e medio e consistirán na reparación da explanada para o aparcamento, na execución da drenaxe, no estendido do firme e no pintado das marcas viais. Ademais, tamén se executará a canalización, cimentación e colocación das luminarias. García Porto recordou que “esta actuación súmase ao proxecto que xa realizamos desde a institución provincial para rehabilitar o firme e a senda peonil e no que investimos máis de 100.000€”.


13,2M€ para o Plan Anual de Contratación 2026


Aprobado o Plan Anual de Contratación 2026 dotado con 13,2M€. O documento recolle a previsión dos procedementos de contratación de servizos, subministracións e obras que desenvolverá a institución provincial ao longo deste ano. “A cifra do Plan Anual de Contratación para este ano é estimativa, pero a elaboración deste texto reflicte a capacidade de planificación, de xestión e de transparencia deste Goberno”, finalizou a Voceira socialista.