Medio Rural e do Mar, Mocidade
Deputación de Lugo

A Vicepresidencia da Deputación renova a colaboración para financiar o matadoiro municipal de Sarria  e  apoia a organización da Festa do Cocido de Porco Celta

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
FESTA DO COCIDO DE PORCO CELTA
MATADOIRO MUNICIPAL SARRIA
EFRÉN CASTRO
Efrén Castro subliñou o apoio da institución provincial ao sector gandeiro da comarca de Sarria e á valorización dos produtos de proximidade e calidade 

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo renova o seu apoio á actividade do matadoiro municipal de Sarria. A área de Rural da institución provincial achegará 50.000 euros para colaborar no financiamento deste servizo, dando continuidade á colaboración iniciada o ano pasado para manter a xestión pública das instalacións.

O vicepresidente da Deputación Efrén Castro e o alcalde de Sarria Claudio Garrido deron conta da renovación do acordo, que contribúe a soster un servizo fundamental para a veciñanza e para os sectores gandeiro e cárnico da comarca.

Efrén Castro explicou que “damos continuidade á colaboración iniciada no 2025, co obxectivo de manter a xestión pública do matadoiro contribuíndo a financiar o custo que supón para o concello". O vicepresidente encadrou esta colaboración co Concello “no apoio ao sector gandeiro da comarca e á valorización dos produtos de proximidade e de calidade"

Nese sentido, anunciou tamén unha achega de 10.000 euros para a organización da Festa do Cocido do Porco Celta, que se celebrará o vindeiro sábado -31 de xaneiro - no campo da feira de Sarria. "É unha celebración popular que reflicte a tradición da produción gandeira e cárnica en Sarria e promociona a súa calidade", destacou Efrén Castro. 

Claudio Garrido sinalou, pola súa banda, que a colaboración da Vicepresidencia da Deputación reforza a Festa, e abre o horizonte para aspirar ao seu recoñecemento como festa de interese galego.

No acto, o Concello, que organiza a Festa en colaboración coa Asociación de Hostaleiros da Comarca de Sarria, confirmou a dispoñibilidade das últimas prazas para participar no xantar, no que se servirá cocido con chourizos, lacón, butelo, espinazo e cachola de Porco Celta.