Deputación de Lugo
Turismo

A Presidenta apela en FITUR á cooperación institucional para lograr o recoñecemento da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial

carmela lópez
FITUR
Ribeira Sacra
Carmela López inicia hoxe en Madrid a súa axenda na Feira Internacional de Turismo, destacando o valor único “dun territorio cunha identidade forte, unha beleza que emociona e un patrimonio vivo grazas ao coidado diario da súa xente”

A mandataria provincial lembrou que a candidatura a Patrimonio Mundial xa está en mans da UNESCO e que nos próximos meses se coñecerá a decisión, “unha oportunidade histórica para que o mundo recoñeza o valor universal deste territorio”

A Presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, iniciou este mércores en Madrid a súa axenda institucional na Feira Internacional de Turismo (FITUR) coa presentación Ribeira Sacra, Candidatura Patrimonio da Humanidade, que tivo lugar no stand de Turismo de Galicia. Carmela López apelou durante a súa intervención á cooperación institucional como elemento clave para acadar o recoñecemento da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial da UNESCO.

A Presidenta puxo en valor o carácter excepcional desta comarca, “un territorio cunha identidade forte, unha beleza que emociona e un patrimonio vivo que se mantén grazas ao coidado diario da súa xente”. Así mesmo, subliñou que os ríos Miño e Sil non só modelan a paisaxe da Ribeira Sacra, senón que explican tamén “unha maneira de vivir, de traballar a terra e de relacionarse co entorno”. Desa relación histórica, explicou a Presidenta, “nacen os viñedos de viticultura heroica, os mosteiros centenarios, os pobos con alma e un patrimonio cultural e natural de valor excepcional”.

López lembrou que a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial xa está en mans da UNESCO e que nos próximos meses se coñecerá a decisión definitiva, polo que “estamos ante unha oportunidade histórica para que o mundo recoñeza oficialmente o valor universal deste territorio”, aseverou. Incidiu que este proxecto “só pode avanzar desde a colaboración leal entre todas as administracións”, e fixo un chamamento a seguir sumando esforzos entre a Xunta de Galicia, as deputacións e os concellos co obxectivo común de protexer a Ribeira Sacra e proxectala cara ao futuro con responsabilidade.


Puxo tamén en valor o compromiso da Deputación de Lugo coa Ribeira Sacra a través de ferramentas concretas que permiten vivir a comarca en primeira persoa, como os catamaráns fluviais, que ofrecen unha forma sostible e respectuosa de descubrir os canóns e achegarse á viticultura heroica desde o río. “A grandeza da Ribeira Sacra está na súa paisaxe, no seu patrimonio e na súa cultura, pero sobre todo na súa xente, que a coida e a mantén viva cada día”, destacou.
A este acto tamén asistiu o Delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco Lobeiras e o Presidente do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, Luis Fernández Guitián, entre outras autoridades.

Presentación da campaña Provincia de Lugo, Reserva Natural

A Presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, participará esta semana en FITUR cunha intensa axenda institucional e profesional, asistindo a presentacións e encontros con representantes do sector turístico e outras administracións co obxectivo de fortalecer alianzas e posicionar Lugo como referente no turismo de natureza e sostible. Na xornada de mañá, a mandataria provincial asistirá á presentación da campaña da Mancomunidade que leva de título A Mariña, unha viaxe á identidade, unha proposta que pon en valor o poder sanador do mar, do goce do tempo e do turismo de benestar e consciente, tendo como protagonistas as Carolas ou Canouras, consideradas as pioneiras do turismo da Mariña.

O venres 23 de xaneiro, ás 12:30 horas, no stand de Galicia, López presentará oficialmente a campaña Provincia de Lugo, Reserva Natural, que pon en valor a riqueza ambiental da provincia e aposta por un turismo sostible, non masificado e vinculado ao territorio. O acto estará conducido por David Vilares e contará coa participación de representantes das reservas de Terras do Miño e Os Ancares Lucenses, así como coa estrea dun audiovisual promocional que inicia un proxecto máis amplo de difusión da singularidade da provincia a nivel estatal.