Deputación de Lugo

A Presidenta da Deputación escoita a Unións Agrarias e Fademur polo acordo con Mercosur

Mercosur
Unións Agrarias
FADEMUR
Carmela López reuniuse esta mañá en San Marcos con membros dos dous colectivos e trasladoulles as reivindicacións principais que recolle a moción que presentará no Pleno ordinario que se celebrará a semana que vén

Algunha das medidas da iniciativa pasan por reforzar os controis fronteirizos e garantir o cumprimento dos estándares europeos, activar as cláusulas de salvagarda de xeito áxil e efectivo ou promover a diferenciación da carne galega

A Presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, reuniuse esta mañá no Pazo de San Marcos con máis representantes dos afectados polo acordo con Mercosur para perfilar a moción que os socialistas levarán a Pleno a semana que vén. No encontro, que tivo lugar na Sala de Xuntas, participaron membros do sindicato Unións Agrarias e da Federación de Asociacións de Mulleres Rurais (Fademur), así como os deputados provinciais Pilar García Porto e Pablo Rivera Capón.

Carmela López sinalou que este acordo comercial abre un novo escenario para o sector primario “que debe ser abordado con rigor, responsabilidade e firmeza política desde todas as institucións, xa que a súa implementación xerará un impacto director sobre a gandería galega e o sector agroalimentario”. Nese sentido, destacou que a provincia de Lugo é un territorio con forte dependencia do sector primario e que polo tanto a apertura comercial “debe ir acompañada de garantías efectivas que protexan aos gandeiros”. 

Máis dun 30% do emprego provincial está directamente vencellado ao sector primario, segundo os datos que manexan os sindicatos. No que ten que ver co gandeiro, Lugo é a primeira provincia galega en produción de leite, concentrando arredor do 50% do total de Galicia con 1,5 millóns de toneladas anuais. Concentra tamén o 48% do censo do bovino galego, con máis de 450.00 cabezas de gando e ten preto do 70% das ganderías inscritas en selos de calidade. 

A moción socialista

Segundo detallou na reunión a Presidenta, a iniciativa que os socialistas defenderán na sesión ordinaria da Corporación do mes de xaneiro – o martes 27- instará á Xunta e ao Goberno do Estado a que adopten diferentes medidas para garantir unha aplicación responsable do acordo entre a Unión Europea e os países suramericanos.

Algún deses mecanismos de protección que recolle o texto pasan por reforzar os controis fronteirizos e garantir o cumprimento dos estándares europeos; activar cláusulas de salvagarda de forma áxil e efectiva; promover a diferenciación da carne galega; establecer medidas específicas de apoio ao sector gandeiro galego; apoiar unha estratexia de autosuficiencia alimentaria; e demandar unha Política Agraria Común (PAC) forte e reforzada.