O programa Da Escola á Granxa da área de Rural da Vicepresidencia da Deputación optará ao Premio Aresa 2026
O programa Da Escola á Granxa da área de Rural da Vicepresidencia da Deputación optará ao Premio Aresa 2026 de Desenvolvemento Rural que convocan a Fundación Aresa e o Campus Terra da USC.
O programa cumpriu en 2025 catro edicións achegando a nenas e nenos de infantil e primaria ao sector primario a través de actividades educativas en granxas e pequenas producións agrogandeiras de toda a provincia.
A iniciativa involucrou ao longo dos anos arredor de 60 proxectos de emprendemento e granxas, na súa maioría proxectos familiares fortemente vinculados ao territorio, que abren as súas portas á cativada amosándolles o día a dia do seu traballo, os alimentos que producen e a repercusión da súa actividade no entorno.
A candidatura ao Premio Aresa pretende reforzar a visibilidade das granxas e producións que participaron no programa e valorizar a gandería e a agricultura como actividades imprescindibles para a produción de alimentos e a conservación do territorio e das paisaxes.
A iniciativa chegou ao longo dos últimos catro anos a máis de 18.000 escolares da provincia, a través de convocatorias abertas dirixidas as asociacions de nais e pais. A área de Rural financia os desprazamentos do alumnado e incentiva ás granxeiras e granxeiros que ano a ano configuran a oferta formativa. Arredor do programa xurdiron tamén materiais didácticos como o libro “Os Bolechas van da Escola á Granxa” que amplía a difusión dos obxectivos da iniciativa.