A Deputación presentará en Fitur a campaña Provincia de Lugo, Reserva Natural, apostando pola riqueza ambiental do territorio como eixo da súa estratexia turística
No acto, conducido polo presentador David Vilares, proxectarase un novo audiovisual e contarase con representantes de Terras do Miño e Ancares Lucenses, que proporán “un modelo baseado na calma, na autenticidade e na conexión coa natureza como elementos clave para atraer un visitante consciente e responsable”
A Presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, desprazarase esta semana a Madrid para participar na Feira Internacional de Turismo (Fitur), onde presentará oficialmente a nova campaña de promoción turística da institución provincial baixo o lema Provincia de Lugo, Reserva Natural, unha iniciativa estratéxica que sitúa a riqueza natural da provincia no centro dun modelo turístico sostible, non masificado e vencellado ao territorio.
O acto de presentación da campaña da Deputación de Lugo celebrarase o venres 23, ás 12.30 horas, no stand de Galicia en Fitur, e estará conducido polo presentador David Vilares, que será o encargado de guiar unha posta en escena pensada para transmitir os valores, a identidade e a singularidade da provincia de Lugo como destino natural de referencia.
López defenderá que a provincia de Lugo é un destino singular no contexto estatal e europeo pola súa alta calidade ambiental, diversidade paisaxística e autenticidade, condicións que permiten consolidar “unha proposta baseada no turismo slow, no respecto polo territorio e na procura de experiencias auténticas, aliñada coas novas demandas do visitante e cos obxectivos de desenvolvemento sostible”. “Queremos atraer un visitante que valore o que somos, que goce da nosa natureza con respecto e que contribúa ao desenvolvemento económico dos nosos concellos”, sinala.
Un modelo participativo e aliñado coa estratexia da UNESCO
A campaña nace dun modelo baseado na participación dos concellos e do tecido asociativo implantado no territorio, na planificación rigorosa e na cooperación institucional, co obxectivo de cumprir cos dous grandes principios da estratexia Home e Biosfera da UNESCO: conservar o patrimonio natural e cultural e, ao mesmo tempo, xerar riqueza e emprego desde a sustentabilidade.
A provincia de Lugo conta con catro Reservas da Biosfera (da maneira parcial e total), dúas delas xestionadas directamente pola Deputación —Terras do Miño e Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá. “Máis do 80% do territorio provincial atópase protexido baixo esta figura de recoñecemento internacional, o que sitúa a Lugo como un territorio privilexiado desde o punto de vista ambiental”.
A Presidenta porá en valor especialmente a riqueza natural, paisaxística e humana destas dúas reservas, exemplos vivos de como é posible compatibilizar conservación, actividade económica, tradición e innovación.
Na presentación oficial da campaña estará acompañada por representantes das dúas Reservas da Biosfera, persoas profundamente coñecedoras do territorio e do traballo que nel se desenvolve, que contribuirán a achegar unha visión próxima e real do modelo que se impulsa desde a provincia.
Un novo audiovisual
Durante o acto estrearase un novo audiovisual promocional que percorre as dúas Reservas da Biosfera xestionadas pola Deputación, amosando a súa diversidade paisaxística, o seu valor ecolóxico e o vínculo coas persoas que habitan e coidan o territorio.
Este audiovisual é a antesala dun proxecto máis amplo de produción de contidos audiovisuais impulsado pola Deputación de Lugo, que inclúe a elaboración de dous vídeos documentais con múltiples reportaxes protagonizadas por axentes do territorio —persoas emprendedoras, profesionais, entidades e colectivos que desenvolven o seu labor nas reservas—.
A institución provincial ten encargado este material co obxectivo de difundilo a través das canles de RTVE e plataformas dixitais, para dar a coñecer a provincia de Lugo a nivel estatal desde unha óptica diferenciada: a do que significan as Reservas da Biosfera como modelo de territorio vivo, sostible e con futuro.
Axenda institucional e encontros profesionais
A presenza da Presidenta en Fitur incluirá tamén unha intensa axenda institucional e profesional. Ademais da presentación da campaña da Deputación, Carmela López asistirá a diversos actos e presentacións promovidos por entidades da provincia, como o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, a Mancomunidade de Concellos da Mariña ou o Concello de Lugo, entre outros.
Así mesmo, manterá encontros profesionais con representantes do sector turístico, operadores, responsables institucionais e outros destinos, co obxectivo de fortalecer alianzas, intercambiar experiencias e posicionar a provincia de Lugo como un referente no ámbito do turismo de natureza e sostible.