Deputación de Lugo
Turismo

A Deputación lanza unha nova edición do programa Coñece a túa Provincia con máis de 3.000 prazas

Coñece a túa Provincia
A Xunta de Gobernodeu luz verde ás bases do programa de viaxes gratuítas para o ano 2026, que está dirixido a entidades lucenses sen ánimo de lucro

As bases publicaranse o vindeiro 10 de xaneiro no Boletín Oficial da Provincia (BOP) e o prazo para presentar solicitudes estará aberto do 12 ao 16 de xaneiro

Mantéñense as 44 rutas polos 67 concellos, ás que se engaden 7 rutas accesibles, e nesta ocasión darase prioridade a participación de entidades que aínda non se beneficiaron da iniciativa

A Xunta de Goberno vén de aprobar as bases dunha nova convocatoria do programa Coñece a túa provincia, a iniciativa impulsada pola Deputación de Lugo que ofrece viaxes gratuítas a entidades sen ánimo de lucro dos 67 concellos da provincia.Nesta edición, o programa ofrecerá 3.036 prazas e contará cun orzamento de máis de 200.000€, o que supón un investimento de 67,40€ por persoa que repercute en beneficios para o territorio, ao fomentar o turismo de proximidade e dinamizar a actividade económica local. 

As bases sairán publicadas o vindeiro 10 de xaneirono Boletín Oficial da Provincia (BOP), e previsiblemente o prazo de presentación de solicitudes estará aberto do 12 ao 16 de xaneiro. Nesta anualidade, as asociacións poderán solicitar entre 15 e 23 prazas para realizar as excursións, mantendo o mesmo modelo de anos anteriores: visitas guiadas a centros da Deputación e rutas a elixir, con transporte, xantar, guía oficial de turismo, seguro de viaxeiros e entradas incluídas.


Como novidade principal, esta edición priorizaranse as entidades que non participaron en convocatorias anteriores, garantindo así a oportunidade de acceder ao programa a novos colectivos. As solicitudes deberán presentarse a través da Sede Electrónica da Deputación ou no Rexistro Xeral. As entidades que participen por primeira vez deberán achegar unha copia do NIF da entidade. 


O programa mantén a oferta de 44 rutas polos 67 concellos da provincia, ás que se engaden 7 rutas accesibles deseñadas especificamente para colectivos de persoas con discapacidade física.