A Deputación despexa a neve das estradas para facilitar a circulación e garantir o transporte escolar
A Deputación de Lugo está a traballar estes días nas estradas da Montaña para despexar a neve e facilitar así a circulación nesta zona da provincia. O dispositivo despregado pola institución conta cun total de 12 máquinas -entre quitaneves e pickups- e 24 operarios que centran os seus esforzos nos concellos de Pedrafita, Cervantes e Folgoso do Courel, onde esta mañá chegáronse a acumular 7 centímetros de neve.
Onte á noite o dispositivo tivo que asistir a tres vehículos, que quedaron atascados pola neve na parroquia de Visuña, en plena Serra do Courel e cerca do límite na provincia de León. Precisamente, nos puntos máis altos da provincia, nos concellos de Folgoso do Courel, Pedrafita do Cebreiro e Cervantes, é onde houbo maior acumulación de folerpas.
Hoxe o dispositivo reactivouse ás 7:00 horas da mañá, coas quitaneves abrindo paso ao transporte escolar para garantir a chegada dos nenos e nenas da Montaña aos centros educativos. Segundo informan os técnicos, non hai estradas pechadas ao tráfico a esta hora e o peor da fronte fría que golpea en Galicia estes días, en canto a temperaturas, tería pasado no día de hoxe.
A Deputación de Lugo conta cun operativo conformado por un total de 112 persoas e 64 máquinas para garantir a seguridade nos máis de 4.200 quilómetros das estradas provinciais durante o período invernal. A institución tamén conta con 420 toneladas de sal distribuídas nos 12 silos repartidos polo territorio e traballa de xeito coordinado coas 8 empresas dedicadas á conservación e mantemento da rede viaria provincial.