Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

A Deputación reivindica os dereitos das persoas con discapacidade na xornada na que se conmemora o seu Día Internacional

discapacidade
O Deputado de Promoción Económica e Social participou este mércores nos actos celebrados no marco da iniciativa Baixo o Mesmo Paraugas organizada conxuntamente por un cento de entidades galegas co obxectivo de promover a inclusión e a igualdade

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou este mércores na Praza Maior de Lugo na décima edición de Baixo o Mesmo Paraugas, a iniciativa organizada de forma conxunta cun cento de entidades de Galicia para conmemorar o Día Internacional das Persoas con Discapacidade. Na cidade de Lugo o evento, no que tamén participaron concelleiros e concelleiras do Concello de Lugo e usuarios de diferentes asociacións e colectivos do municipio, comezou coa lectura do manifesto da man de membros da Asociación Española Contra o Cancro de Lugo; e a continuación, tivo lugar unha marcha polas rúas da cidade con paraugas de cores cos que se simbolizou unha sociedade diversa e plural.

Rivera Capón recordou que “é responsabilidade de todas e todos traballar conxuntamente para construír unha sociedade máis inclusiva, na que as persoas con discapacidade conten co apoio e os recursos para desenvolver plenamente o seu proxecto de vida”. Sinalou tamén que “na institución provincial temos moi clara esta premisa. Estamos ao carón das entidades lucenses que tratan de mellorar a súa calidade de vida e promoven a súa plena participación na sociedade”. 

A campaña deste ano, baixo o lema #Xente10, celebrouse tamén na Coruña, Ourense Santiago de Compostela, Pontevedra ou Vigo -entre outras cidades- co obxectivo de poñer no centro as aptitudes das persoas con discapacidade para afrontar calquera reto cotián.