A Deputación destaca o éxito do Proxecto Troya, que logra emprego para máis da metade dos seus participantes
O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou este martes na clausura do Proxecto Troya, unha acción formativa que busca mellorar a empregabilidade de persoas con síndrome de Down e discapacidade intelectual na provincia. O acto celebrouse na Facultade de Administración e Dirección de Empresas (ADE), e contou coa presenza tamén do Vicerreitor do Campus de Lugo, Francisco José Fraga; o Decano de ADE, Roberto Bande; a Catedrática e coordinadora do proxecto, María Ángeles López Cabarcos; a Presidenta da Asociación Síndrome de Down de Lugo, María José Blanco Freire; e a Coordinadora de Voluntariado do Campus lucense, Fátima Teixeiro Vázquez.
Pablo Rivera Capón destacou que o proxecto vai máis alá da formación, apostando pola igualdade de oportunidades, o talento e a inclusión sociolaboral. Subliñou que máis do 50%dos participantes atoparon un posto de traballo tras completar a formación ao longo deste anos, polo que “é unha cifra que evidencia a súa eficacia na promoción da inclusión sociolaboral e no desenvolvemento de oportunidades para a mocidade lucense”. Felicitou o Deputado á USC, á Facultade de ADE, á Asociación Síndrome de Down e ao voluntariado polo seu papel fundamental na iniciativa.
“O Proxecto Troya lémbranos o mellor da nosa sociedade: a capacidade de crear oportunidades, de acompañar procesos e de apostar polo talento das persoas, e hoxe, por riba de todo, celebramos o esforzo das persoas que reciben o diploma. O voso traballo, a vosa disciplina e a vosa capacidade para avanzar son o corazón deste proxecto”, concluíu Rivera Capón.
Nesta edición participaron nove alumnos, que se formaron en materias como márketing, finanzas e marca persoal, adquirindo competencias para mellorar a súa integración no mercado laboral e contribuír ao desenvolvemento da provincia.