María Vázquez recibirá o XXIII Premio Facer País o 29 de novembro en Láncara
O Pazo de San Marcos acolleu este mércores a presentación XXIII Premio Ramón Piñeiro Facer País, que outorga a Asociación Val do Láncara coa colaboración da Deputación de Lugo e do Concello de Láncara.
A actriz María Vázquez, veciña de Chantada e con raíces en Carballedo, recibirá o galardón o 29 de novembro en Láncara, como recoñecemento ao compromiso coa lingua e coa cultura implícito na súa traxectoria interpretativa.
A presidenta da Asociación Val do Láncara Marta Horbán, o vicepresidente da Deputación de Lugo Efrén Castro e o deputado de Promoción Económica e Social e alcalde en funcións de Láncara Pablo Rivera animaron a participar da xornada, que converterá Láncara en centro de atención da cultura do país.
Marta Horbán destacou que “María Vázquez fai país porque nos representa coa súa fala e co seu apoio á cultura galega, implícito no súa faceta interpretativa”, en liña cos méritos recoñecidos polo xurado do Premio, formado por unha decena de asociacións culturais do Val do Láncara e da contorna.
Pablo Rivera salientou o acerto da elección da gañadora e puxo de relevo a figura do escritor e filósofo lancarés Ramón Piñeiro “un persoeiro ilustre da nosa cultura e da nosa lingua. Este premio rende unha sentida e merecida homenaxe a unha persoa que naceu en Láncara, moi pretiño da antiga casa consistorial, cunha traxectoria impecable da nosa cultura”
O vicepresidente da Deputación parabenizou a “Asociación Cultural Val do Láncara por dar continuidade a este Premio, valorado en todo o país” e valorou que “a elección das premiadas -Luz Fandiño, Sés, Iolanda Vázquez e agora María Vázquez - reflicta que o país se fai en clave feminina”.
A xornada comezará coa recepción da premiada na Casa do Concello de Láncara, na Pobra de San Xiao ás 12.00 horas. Continuará en Carracedo, cunha intervención do mantedor do acto Xurxo Rodríguez e a actuación do grupo tradicional AC Val do Láncara na Ponte de Carracedo, ás 13.00 horas, camiño da antiga casa consistorial, onde, ás 13.30 horas, María Vázquez recibirá o premio de man de Iolanda Díaz Gallego, premiada na última edición.Tras a tradicional ofrenda floral a Ramón Piñeiro, celebrarase unha comida para a que cómpre reserva previa (691 17 56 50)