O Presidente da Deputación: “Asinamos o convenio para o belén a tamaño real porque o noso compromiso con Viveiro segue intacto”
“Algúns viven do ruído e de xerar desconfianza na política, pero nós non cambiamos a nosa forma de traballar: apoiamos aos concellos,con independencia das súas cores, que impulsan proxectos beneficiosos para o territorio e a cidadanía”, valorou
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e a Alcaldesa de Viveiro, Mariña Gueimunde González, asinaron este xoves no Pazo de San Marcos o convenio que serve para financiar o belénViveiro ante o Berceque o municipio instala todos os anos nas festas do Nadal. Mediante este acordo, a institución provincial achega ao Concello mariñán 40.000€ para apoiar economicamente, “como fixemos sempre”, esta iniciativa “que supón un pulo económico para este concello e toda a comarca”.
“Asinamos hoxe o convenio para o belén a tamaño real porque o noso compromiso con Viveiro segue intacto”, argumentou o mandatario provincial. Valorou que “algúns viven do ruído e de xerar desconfianza na política, pero nós non cambiamos a nosa forma de traballar: apoiamos aos concellos, con independencia das súas cores, que impulsan proxectos beneficiosos para o territorio e a cidadanía”.
Lembrou Tomé Roca que a Deputación leva máis de 10 anosaxudando a financiar esta iniciativa e demostrando “con feitos” a súa implicación co concello mariñao e sinalou que “as institucións estamos para dar estabilidade, non para facer oposición desde a crispación”. E nese sentido, sinalou que “as veciñas e os veciños de Viveiro poden ter a tranquilidade de que contan cunha Deputación comprometida, estable e responsable que seguirá a apoiar un proxecto que xera emprego, turismo e orgullo local”.
Viveiro ante o Berce é visitada, segundo as estimacións municipais, por máis de 25.000 persoas, sendo así un eixo fundamental nas celebracións de Nadal de toda A Mariña. Unha cita consolidada que beneficia á hostaleira e o comercio e que fortalece a marca Viveiro, representando xa un elemento estratéxico na oferta turística da comarca.