Deputación de Lugo
Economía
Emprego

A Deputación de Lugo afonda en Montevideo nas oportunidades de cooperación no sector agropecuario e empresarial

JOSE TOMÉ
CEL
empresas lucenses
O Presidente mantivo un encontro no Ministerio de Ganadería, Agricultura e Pesca con altos cargos do Goberno uruguaio xunto aos representantes da CEL para afondar nas oportunidades bidireccionais de colaboración entre os dous territorios

Tomé Roca tamén presidiu un encontro entre empresarios da provincia e uruguaios, no que se exploraron liñas de cooperación en innovación agroalimentaria, transformación de produtos e desenvolvemento pesqueiro, así como posibles acordos de intercambio comercial e técnico

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, vén de manter en Montevideo un encontro de traballo co Subsecretario do Ministerio de Ganadería, Agricultura e Pesca, Matías Carambula, e os diferentes directores xerais do Ministerio, dentro da misión institucional e empresarial que o leva estes días ao Uruguai e á Arxentina acompañado pola Confederación de Empresarios de Lugo (CEL).


Na reunión, o Presidente estivo acompañado polo Secretario Xeral da CEL, Jaime López, e polo Conselleiro Delegado da CEL, Eduardo Valín, ademais de contar co respaldo institucional do embaixador de España no Uruguai, Javier Salido Ortiz, que participou apoiando á comitiva lucense e valorando positivamente a cooperación económica e territorial entre ambos países.


Durante o encontro, os responsables do Ministerio expuxeron as principais liñas de exportación e produción do Uruguai no sector agropecuario, centradas na carne de bovino e ovino, o arroz e a forestación, e detallaron que o Goberno uruguaio está a impulsar tamén a actividade pesqueira como novo eixo de desenvolvemento económico. Pola súa banda, o Presidente Tomé Roca presentou o potencial produtivo e económico da provincia de Lugo, destacando que é a primeira produtora de leite de España e conta cun sector primario moderno, diversificado e competitivo, sustentado nunha forte base tecnolóxica e nunha crecente aposta pola sostibilidade.

O encontro serviu para afondar nas oportunidades bidireccionais de colaboración entre Lugo e Uruguai, coincidindo ambas delegacións na existencia dunha realidade social e cultural compartida entre Galicia e o país suramericano, froito dunha longa historia de lazos migratorios e afectivos. Nesa liña, abordáronse posibles intercambios técnicos e comerciais en materia agroalimentaria, forestal e pesqueira, así como a posibilidade de cooperar en proxectos de innovación e formación profesional vinculados ao sector primario.

O presidente Tomé Roca destacou que “Lugo e Uruguai son dous territorios que comparten o valor da terra e do traballo, e esa afinidade é unha base sólida para abrir novas vías de colaboración institucional e económica”. Engadiu que “a internacionalización das nosas empresas e a cooperación público-privada son claves para fortalecer o desenvolvemento sostible e a proxección exterior da provincia”.

A delegación lucense completou a xornada cun encontro con empresarios e representantes de cámaras sectoriais uruguaias e con AEGU (Asociación de Empresarios Gallegos del Uruguay), no que se exploraron liñas de cooperación en innovación agroalimentaria, transformación de produtos e desenvolvemento pesqueiro, así como posibles acordos de intercambio comercial e técnico. Tamén participaron o Embaixador de España en Uruguai, así como outras autoridades do país.
A misión da Deputación de Lugo e da CEL continuará nos próximos días con novas reunións en Montevideo, na que participan empresas como Innogando, Medrar Smart Solutions, Suministros Megaro Foods SL e Congelados Sariego.