Deputación de Lugo

O Presidente avanza no Parlamento de Galicia os Orzamentos 2026 da Deputación de Lugo, que crecerán ata os 135M€

Orzamentos 2026
José Tomé Roca
Parlamento de Galicia

José Tomé Roca compareceu este xoves na Cámara autonómica para explicar as liñas estratéxicas dos presupostos provinciais do ano que vén, que soben en 5M€ respecto os deste ano e virán consolidar unha acción de Goberno centrada na mobilidade, as políticas sociais, a cooperación cos concellos e o apoio aos sectores produtivos

“Nós aprobamos orzamentos que protexen, que avanzan e que serven á xente da nosa provincia”, valorou o mandatario, que destacou tamén a eficacia da Deputación de Lugo, cun grao de execución orzamentaria que superou o ano pasado o 90%

Subliñou que “os bos gobernos non se miden polo ruído que fan, senón pola pegada que deixan” e nese sentido defendeu o labor do Goberno provincial “que transforma orzamentos en feitos, promesas en servizos e palabras en oportunidades”

A institución provincial destinará preto dun terzo dos seus fondos ás políticas sociais;  máis de 27M€ á mellora e conservación das estradas; 22,2M€ ao Plan Deputación de Cooperación cos Concellos; ou mobilizará 850.000€ para a creación dun Centro de Innovación Territorial que sitúe o rural no epicentro das políticas de desenvolvemento

 

 

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, presentou este xoves no Parlamento de Galicia as liñas estratéxicas dos Orzamentos provinciais para o 2026, que crecerán ata os 135M€. Uns presupostos “que protexen, que avanzan e que serven á xente da nosa provincia” e que tal e como explicou o mandatario provincial, virán consolidar unha acción de Goberno que leva anos centrada na mobilidade, as políticas sociais, a cooperación cos concellos e o apoio aos sectores produtivos.

“Para o 2026 presentamos uns Orzamentos expansivos, que medran un 3,57% por riba do IPC, máis de 5M€ respecto ao 2025”, detallou Tomé Roca. Informou que a Deputación, como sempre desde que el é Presidente, está ultimando os presupostos “coa previsión de levalos ao Pleno para a súa aprobación en novembro e que, desta forma, poidan entrar en vigor a principios do mes de xaneiro”.

Enmarcou a súa comparecencia no Parlamento galego “en tempo e forma” co compromiso real que ten o seu Goberno coa cidadanía, “porque así entendemos a responsabilidade pública”. E destacou que a utilidade das contas mídese no seu grao de execución, valorando que “aí nós falamos con feitos: nos últimos anos a Deputación está a executar máis do 90% do seu orzamento, situándose entre as administracións máis eficaces do Estado. Aquí o que se aproba, cúmprese”. Nese sentido, apuntou que os Orzamentos 2026 seguen un rumbo “claro e planificado, asentado nos catro grandes piares da nosa acción de Goberno: a mellora da mobilidade, a cooperación cos concellos, o apoio aos sectores produtivos e as políticas sociais”.

Máis de 27M€ para a mobilidade


Respecto da mobilidade, que cualificou como “o primeiro factor de igualdade territorial” porque “se os núcleos non están conectados, non hai poboación que resista”, asegurou que a Deputación continuará co “mellor plan de estradas da historia da Deputación”, actuando sobre a rede provincial máis extensa de España: 4.217 quilómetros. 

Nese sentido, avanzou que a institución vai consolidar e incrementar o investimento do pasado ano, que acadou os 27M€ para a mellora e conservación de estradas. Destacou que este ano a Deputación mobilizou o arranxo de máis de 100 quilómetros de estradas provinciais ao seu paso por 30 concellos. “Sen distincións por cores políticas.  Nós planificamos, actuamos e conservamos seguindo criterios técnicos” e nese sentido destacou que o 60% dos arranxos foron en concellos cun alcalde ou alcaldesa do PP. 

E comprometeuse a seguir traballando para conseguir que unha parte dos fondos da Unión Europea se destinen á mellora da mobilidade por estrada. 

Ampliación da rede de protección social con dúas novas residencias


No que ten que ver coas políticas sociais, o Presidente asegurou que a Deputación manterá un terzo dos orzamentos a esta partida que conta cunha das redes de protección máis ampla e eficaz de todas as deputacións de España. Destacou nese sentido iniciativas como a teleasistencia, o servizo de axuda no fogar ou a rede de centros de atención a maiores.

Fixo fincapé en que a institución provincial ten en funcionamento 9 residencias cun modelo “público, de calidade, con emprego local e con arraigo social” e anunciou que “polo menos 2 dos 4 novos centros que estamos construíndo estarán en funcionamento entre finais de 2026 e comezos do 2027, ampliando a nosa rede e reforzando o rural”. E aproveitou o Presidente para lembrar que o modelo da Deputación é referencia a nivel europeo.


22,2M€ para o Plan Deputación de cooperación cos concellos


Anunciou que o Plan Deputación de cooperación cos concellos estará dotado con 22,2M€, subindo con respecto ao ano pasado. Unha iniciativa que se rexe por criterios “públicos, transparentes e obxectivos, cun respecto absoluto á autonomía municipal”, engadindo que así se entende a cooperacións institucional, “desde a confianza e non desde a tutela”, porque son os propios municipios os que deciden o destino dos recursos que deciden. 

No que ten que ver coa cooperación cos concellos, apuntou que case todo o que fai a Deputación é cooperación cos concellos. Ser o Concello dos concellos marca o día a día da institución provincial “de maneira transversal, constante e comprometida” co obxectivo de gañar eficacia e ser útiles para a veciñanza.


O rural no epicentro das políticas co Centro de Innovación Territorial 


O Centro de Innovación Territorial constitúe unha das grandes apostas estratéxicas dos Orzamentos 2026. O Presidente expuxo que se trata dun proxecto “pioneiro”, concibido para situar o rural no epicentro das políticas de desenvolvemento. E relatou que grazas ao convenio asinado co Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, mobilizaranse 850.000 euros -510.000 serán achegados polo Goberno de España e 340.000 pola Deputación- entre este ano e 2029 para poñer en marcha un instrumento “moderno, eficaz e transformador”.

Valorou que a misión desta nova dotación será “activar o territorio desde o propio territorio, impulsando proxectos que xeren actividade económica, emprego e poboación. Servirá para acompañar aos concellos rurais, especialmente aos de menor tamaño, na captación de fondos, na planificación de proxectos, na dixitalización dos servizos públicos e na loita contra a fenda territorial”. Tamén funcionará como un espazo de transferencia de coñecemento e de cooperación público‐privada, conectando o noso rural coas universidades, os centros de investigación, o tecido produtivo e as novas iniciativas emprendedoras. 

Un centro co que, segundo Tomé Roca “afirmamos un principio político nítido: o rural non se abandona nin se lamenta; o rural actívase, confórmase e lánzase cara adiante con recursos, intelixencia e planificación”.


Compromiso cos sectores produtivos


Asegurou o Presidente que os sectores produtivos contarán un ano máis co compromiso da Deputación de Lugo. Destacou que a institución provincial tense convertido dun referente en iniciativas públicas en apoio do sector primario, “un motor económico fundamental para a provincia”, a primeira de España en produción de leite, de carne, de madeira e moi relevante na pesca”.

Puxo como exemplo o proxecto da Administración provincial na Granxa Gayoso Castro, unhas instalacións “fundamentais” para o ensino universitario do Campus Terra e a colaboración coa USC. Destacou que a de Lugo é a Deputación de España que máis colabora coa ensinanza superior e que o seguirá facendo, “porque temos unha visión estratéxica do sector primario, no que poñemos recursos da man do tecido produtivo e incorporando o coñecemento da Universidade”.

No ámbito turístico avanzou que porase en marcha “un revulsivo” en Antas de Ulla: o Parque Central de Galicia, que “será, sen ningunha dúbida, un antes e un despois para o turismo na comarca da Ulloa”. Enumerou outras iniciativas da Deputación fundamentais para o desenvolvemento do territorio, como o programa de visitas Coñece a túa provincia, as rutas fluviais pola Ribeira Sacra, a colaboración coa Mancomunidade de Municipios da Mariña, ou a aposta “forte” polas Reservas da Biosfera: Terras do Miño e Ancares Lucenses. Todas elas, asegurou, terán continuidade de cara ao vindeiro ano.

Subliñou a modo de conclusión o Presidente que “os bos gobernos non se miden polo ruído que fan, senón pola pegada que deixan” e nese sentido defendeu o labor do Goberno da Deputación que  “transforma orzamentos en feitos, promesas en servizos e palabras en oportunidades”, convertendo os recursos públicos en avances e melloras co convencemento de que os feitos son capaces de cambiar vidas. E nese sentido rematou a súa intervención agradecendo ao persoal da institución provincial que fai cada día que estas políticas se convertan en realidade co obxectivo de lograr unha provincia “viva, orgullosa e con futuro”.