O patrimonio cultural constitúe unha fértil herdanza histórica ante a que a sociedade contemporánea posúe unha irrenunciable responsabilidade, ao tempo que lles concedemos esa esencia ás seguintes xeracións. Neste V ENCONTRO CELME DE ZANFONA 2025 achegámonos aos oficios que máis nos representan: os artífices na construción de zanfonas e as/os que crean e recrean cantares e músicas. Todos eles son teselas do patrimonio e compoñen a armazón que contribúe a evolución da música e dos instrumentos musicais.
A provincia de Lugo foi, na última metade do século pasado, o epicentro no estudo, recuperación e revitalización da zanfona en Galicia, con dous obradoiros en Monforte e o Obradoiro escola de instrumentos da Deputación de Lugo. A nosa traxectoria estivo marcada, desde o xerme fundacional, pola recuperación e promoción do patrimonio musical en todas as súas vertentes. Uns traballos esenciais para o futuro da zanfona xa que os avances lóxicos teñen que producirse desde dentro, edificando sobre esa herdanza histórica, non podemos perder a cor da nosa música e con ela os oficios patrimoniais. Somos persoas con conciencia identitaria e cultural, somos un país de alta cultura.
No apartado de formación, reforzamos o curso de canto en consonancia coa temática das letras galegas “A poesía popular oral” con dúas propostas transversais de voces que souberon extraer a esencia das nosas músicas. Contaremos cunha proxección para achegármonos a Dolores, a cega de Miranda, e elevamos a zanfona a un terreo audaz co virtuosismo dun músico pouco coñecido e un programa que nos propón coñecer o noso pasado con composicións sobre imaxes dende unha ollada foránea. Estas dúas vertentes de tradición e vangarda favorecen e van forxando novos interpretes, coma o que descubriremos na sección de instrumentistas emerxentes.
Como vén sendo habitual e, desde que Francisca López puxera en marcha, no CENTRAD, o programa Maletíns didácticos, contamos coa colaboración dos centros educativos para coñecer a visión que as novas xeracións teñen dos oficios manuais, en consonancia coa temática deste encontro e da nova entrega A zanfona na rede. Un recordo desde este estrado ao mestre artesán Jesús Pérez González, acaba de partir igual que chegou a este oficio que amou e compartiu, discretamente. Foi actor principal da segunda revitalización da zanfona en Galicia nunha época, a transición política, ilusionante e chea de retos e compromiso coa nosa identidade. Desenvolveu o seo labor con total honestidade e contribuíu de maneira significativa a riqueza de profesionais, mestres artesáns, músicos e escolas de ensino.
Consulta aquí o programa completo.