A Deputación de Lugo dá a benvida a persoas refuxiadas ás que Diaconía ofrece apoio e recursos
O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, recibiu este venres no Pazo de San Marcos a un grupo de persoas refuxiadas de Senegal, Mali, Gambia, Ucraína e Guinea, ás que Diaconía Lugo ofrece apoio e recursos para favorecer a súa integración. Esta entidade social traballa con persoas en situación de vulnerabilidade —migrantes, refuxiadas, mulleres vítimas de violencia de xénero, persoas sen fogar ou en risco de exclusión social— ofrecéndolles acollida, atención integral e oportunidades para construír un futuro máis seguro e digno.
Durante o encontro, celebrado no Salón de Actos da sede provincial, Rivera Capón deulles a benvida e compartiu con elas parte da historia do Pazo de San Marcos. A xornada continuou cun percorrido guiado polas instalacións, que permitiu ao grupo coñecer mellor este espazo emblemático da provincia.