A Deputación destina 250.000€ a Taboada para o acondicionamento de accesos e a mellora de servizos municipais
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o Alcalde de Taboada, Roi Rigueira Agromartín, veñen de asinar un convenio de colaboración mediante o cal a institución provincial destinará ao Concello taboadés unha achega económica de 250.000€ para cooperar coa mellora da mobilidade e potenciar os servizos municipais.
José Tomé enmarcou este convenio de colaboración dentro do compromiso que mantén a institución provincial coa cooperación e a asistencia aos concellos “acordos cos que tratamos de mellorar as súas infraestruturas, garantir a prestación de servizos de calidade e contribuír ao desenvolvemento do rural da nosa provincia”, destacou o mandatario provincial.
Por unha banda, mellorarase a contorna do miradoiro Banco do Cuco situado en Friamonde, na parroquia de San Xián de Insua e sobre o Canón do Río Miño. Unha actuación coa que se substituirán as mesas existentes por unhas novas con bancos incorporados e unha tumbona de madeira. Ademais, tamén se colocarán cinco postes informativos.
Con este investimento, o Concello de Taboada tamén acondicionará, na parroquia de Cicillón, o camiño que vai da Lagoa a Nogueira e o camiño de Baiuca, na parroquia do Couto, que actualmente presentan certos danos debido ás inclemencias meteorolóxicas. Ambos proxectos inclúen a limpeza de cunetas para facilitar a circulación de augas e a pavimentación destes camiños o que aumentará, de xeito significativo, a seguridade viaria dos veciños e veciñas que os empregan a diario.
Neste acordo de colaboración tamén se inclúe a pavimentación do camiño de acceso que vai desde o cruce de Buin a Brandián, na parroquia de Campo, e o acondicionamento de accesos en A Vila (Esperante); Quinzán (Mato); Tabernas (Cerdeda); A Sabugueira (Meixonfrío); Tuiriz (Insua San Salvador) e Friamonde (San Xián de Insua).
Así mesmo, vaise repavimentar con aglomerado en quente o acceso norte da Avenida de Lugo, no núcleo urbano de Taboada, e, unha vez rematada esta actuación, procederase ao repintado dos bordes, os cebreados e á instalación da correspondente sinalización vertical.
Por último, neste acordo tamén se inclúe a dotación dun tractor novo para o parque móbil do Concello de Taboada e o custo dunha actuación musical enmarcada dentro do Festival da Mocidade que se celebrou o pasado 8 de agosto.