A Deputación colabora coa Fonsagrada nunha xornada moi participativa na que se recreou a Santa Compaña
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou este venres no Pazo de San Marcos coa representante do Club Montaña Terras de Burón, Nuria Fernández Yáñez, un convenio de colaboración para axudar a financiar, con 4.000€, unha xornada de recreación da Santa Compaña na Fonsagrada.
Tomé Roca enmarcou esta achega na liña de acción do Goberno provincial de colaborar co tecido asociativo para ofrecer actividades de todo tipo nos concellos máis pequenos. Concretamente loou esta iniciativa por considerala “moi orixinal”, e na que participaron preto de 100 persoas, “axudando a dinamizar cultural e socialmente este concello da nosa Montaña”.
A esta cita, que tivo lugar a noite do 31 de outubro no concello fonsagradino, acudiu o Deputado de Medio Ambiente e Alcalde deste municipio da Montaña, Carlos López, que deu á benvida as preto de 100 persoas que participaron na actividade. Baixo o nome de Anterga Compa, a xornada xirou en torno á lenda galega que relata a procesión de ánimas en pena.
A Deputación colabora co colectivo da Fonsagrada para a realización desta actividade que consistiu nas conferencias da contacontos Sole Felloza e o antropólogo Rafa Quintía e unha andaina nocturna pola contorna Vilardíaz, na parroquia da Veiga de Logares.