Deputación de Lugo

O Presidente destaca que o Caudal Fest é unha aposta “importantísima” para a provincia de Lugo

José Tomé Roca
CAUDAL FEST
Presentación Caudal Fest
- José Tomé Roca presentou este xoves xunto a Alcaldesa de Lugo e os organizadores unha nova edición deste festival de música pop-rock que se desenvolverá mañá venres e pasado sábado nos terreos do Pazo de Feiras e que contará cun total de 23 artistas

- “Este é un evento musical de primeira orde, que atrae a milleiros de visitantes, dinamizando sectores como o da hostalería e o turismo”, sinalou o mandatario provincial, quen lembrou que o 2023 a cita xerou un retorno económico de máis de 7M€

– A institución provincial achega 50.000€ ao Concello de Lugo para o desenvolvemento desta iniciativa que, en palabras do Presidente “é unha carta de presentación excelente do noso territorio”

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e a Alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos Fondo, presentaron este xoves o Caudal Fest xunto aos organizadores da cita musical que se desenvolverá mañá venres e pasado sábado nos terreos do Pazo de Feiras. A institución provincial achega 50.000€ ao Concello para o desenvolvemento da iniciativa que, en palabras do Presidente, é unha aposta “importantísima” para a provincia e “unha carta de presentación excelente do noso territorio”.

“Sabemos que o Caudal Fest é unha desas apostas que son importantísimas para a nosa provincia porque é un evento musical de primeira orde, que atrae a milleiros de visitantes, dinamizando sectores como o da hostalería e o turismo; sitúa Lugo no mapa e actúa como motor de desenvolvemento económico e social”, valorou Tomé Roca. Lembrou o mandatario provincial que segundo as cifras achegadas pola organización, no ano 2023 esta cita musical xerou un retorno económico de máis de 7M€ na cidade, “encheu hoteis, locais de hostalería e comercios con máis de 37.000 asistentes”.

José Tomé enmarcou esta colaboración da institución provincial na cooperación cos concellos, “unha cuestión que vertebra toda a nosa acción de Goberno” e puxo tamén en valor o impulso “decisivo” da anterior Alcaldesa, Lara Méndez, para a súa posta en marcha. “Un traballo ao que lle deu continuidade a actual Alcaldesa, Paula Alvarellos”, da que destacou a súa dedicación e esforzo “para que este festival continúe medrando”.

Destacou que o Caudal Fest “é música, é turismo, é riqueza para o Concello de Lugo e para toda a provincia”. Nese sentido, apuntou que “Lugo é unha provincia na que coidamos e poñemos en valor as nosas tradicións milenarias, pero tamén somos capaces de xerar novos sinais de identidade” e que a Deputación aposta por un modelo de turismo de calidade e sostible que encaixa con este tipo de iniciativas, “de experiencias e cunha oferta altamente diversificada para atraer visitantes ao longo de todo o ano. Un turismo que actúa como elemento dinamizador das economías locais, que favorece o equilibrio territorial e que aproveita todos os recursos e atractivos que temos na provincia”.

No acto de presentación que tivo lugar no propio recinto do festival, o organizador da cita musical, Iván Méndez, acompañou ao Presidente, a Alcaldesa e ao resto de autoridades nun percorrido polas instalacións.

O programa


O Caudal Fest 2024 contará cun total de 23 bandas e artistas, entre os que destacan grupos de ámbito nacional e internacional como Amaral, Viva Suecia, Mikel Izal, Arde Bogotá, Carlos Sadnees, Varry Brava, Ginebras ou Nil Moliner. Haberá dous escenarios, o que permitirá que haxa música de forma continuada entre as catro e media da tarde ata as tres da madrugada. Ademais, o recinto acollerá unha ampla oferta gastronómica.