Lugo volverá ser o epicentro da aviación co XVI Criterium Aeronáutico que impulsa a Deputación
- Rivera Capón avanzou que a institución provincial realiza unha achega económica de 10.000€ e destacou que “a Deputación de Lugo é a administración pública que destina unha maior contía económica para a organización desta cita”
- A programación inclúe actividades como salto en paracaídas, voos de introdución ou exposicións aeronáuticas e coincidirá coa celebración da XXXVIII edición da Volta Aérea Galaico-Duriense
O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, presentou este mércores na Sala de Xuntas a décimo sexta edición do Criterium Aeronáutico, que terá lugar a última fin de semana de setembro do 27 ao 29 de setembro no Aeródromo de Rozas. Na presentación deste evento que, coincidirá coa celebración da XXXVIII edición da Volta Aérea Galaico-Duriense, tamén participou o Presidente do Real Aeroclub de Lugo, Francisco Abelleira Álvarez e o Concelleiro de Xuventude e Deportes de Lugo, Jorge Bustos Atanasio, entre outras autoridades.
Na súa intervención, Rivera Capón destacou que a institución provincial colabora con este evento cunha achega de 10.000€ e recalcou que “somos a administración pública que destina unha maior contía económica, financiando preto do 50% desta cita”. O Deputado salientou que “o Aeródromo de Rozas recibirá a numerosos deportistas, turistas e veciños e veciñas da provincia que poderán achegarse ao mundo aeronáutico a través de numerosas actividades”.
Concretamente, a programación inclúe saltos en paracaídas, voos de introdución, exposición de medios aéreos e proxectos aeonáuticos do ciclo de Aeromecánica do CIFP As Mercedes, mostras de drons e de todo tipo de aeronaves ou exhibicións de pilotos profesionais, así como outras actividades.
Pablo Rivera convidou a toda a veciñanza a “desfrutar dunha das citas máis relevantes deste sector, que situará a nosa provincia no epicentro do mundo aeronáutico”. Nesta liña o Deputado sinalou que “a celebración do Criterium Aeronáutico aquí en Lugo é un exemplo de como a nosa provincia aposta polo futuro, polas novas tecnoloxías e pola divulgación científica. Non é só un espectáculo para os amantes da aviación, senón que tamén é unha oportunidade única para que a xente de todas as idades, especialmente os máis novos, poidan achegarse a este mundo, descubrir novas vocacións e soñar con novos horizontes”.
“O Criterium non só dará a coñecer esta modalidade deportiva entre a veciñanza, senón que tamén é un evento que encaixa á perfección co modelo de turismo polo que apostamos na Deputación, un modelo de calidade, sostible, non masificado, de experiencias, que coida o patrimonio e deixa valor no territorio, en termos económicos e de emprego”, finalizou Pablo Rivera.