A Deputación súmase aos actos organizados por AFALU con motivo do Día Mundial do Alzhéimer
- Miguel Fernández destacou a importancia de manter unha estreita colaboración entre as administracións públicas e este tipo de colectivos e avanzou que “a institución provincial achega 12.000€ a AFALU para desenvolver un programa de estimulación cognitiva”
O Deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández Méndez, asistiu este sábado á gala que organizou a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e Outras Demencias de Lugo (AFALU) con motivo do Día Mundial do Alzhéimer, unha enfermidade que padecen cerca de 70.500 persoas na comunidade galega.
No acto, que tivo lugar no Salón Rexio do Círculo das Artes de Lugo e deu comezo ás 20:00 horas, participaron as agrupacións musicais Sons e Soños e o Coro do Hospital Universitario Lucus Augusti. Neste encontro, o colectivo tamén entregou o Premio Anual ao Voluntariado ao profesor e colaborador desta entidade desde hai máis de 15 anos, Jesús Rodríguez Rodríguez.
Miguel Fernández lembrou que a institución provincial mantén unha estreita colaboración con este colectivo “que naceu no ano 2002 co obxectivo de atopar solucións que melloraran a calidade de vida das persoas que padecen este tipo de doenzas”, sinalou Fernández Méndez.
Nesta liña, o Deputado destacou que “as administracións públicas debemos estar ao carón do tecido asociativo, apoiando iniciativas e programas que favorezan o benestar xeral de toda a sociedade. Por iso, dende a Deputación colaboramos de forma anual con AFALU realizando unha achega económica de 12.000€ para desenvolver un programa de estimulación cognitiva”.
“Grazas a esta axuda os usuarios e usuarias do colectivo traballan na rehabilitación das habilidades cognitivas como a linguaxe, a memoria ou a psicomotricidade. A finalidade principal é mellorar a súa autonomía e independencia persoal, así como manter as súas capacidades e evitar o avance desta enfermidade”, finalizou Miguel Fernández.