Guitiriz acolle esta fin de semana o Encontro de Vilas Termais co que colabora a Deputación
A cita serviu de marco para a celebración da asemblea constitutiva do novo equipo directivo da Rede de Vilas Termais integrada naSección de Entidades Locais con Aguas Minerais e Termais da Federación Española de Municipios e Provincias
O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, participou este sábado na asemblea constitutiva do novo equipo da Rede de Vilas Termais integrada na Sección de Entidades Locais con Aguas Minerais e Termais da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) que se celebrou no marco do XVII Encontro de Vilas Termais que se celebra durante este fin de semana en Guitiriz.
“Guitiriz é un lugar cunha rica historia termal e un exemplo perfecto do que as nosas augas poden ofrecer”, destacou Rivera Capón, quen recoñeceu ademais o traballo da Alcaldesa e Deputada de Muller e Igualdade, Marisol Morandeira, para volver a atraer esta cita á localidade despois de 18 anos.
Explicou o Deputado que o turismo termal non só representa unha “fonte importante de desenvolvemento económico, senón que tamén é un motor para a promoción do benestar e a saúde. E nese sentido as vilas termais son moito máis que lugares de descanso. Son centros de innovación, sostibilidade e cultura”.
Pablo Rivera engadiu que na Deputación de Lugo “levamos anos traballando co programa Lugo Termal”, coa idea de aproveitar a potencialidade dos balnearios como centros de benestar, pero tamén como motores do desenvolvemento local, xerando emprego e contribuíndo á desestacionalización do turismo.
A asemblea constitutiva de Vilas Termais aprobou hoxe o novo equipo directivo presidido polo ourensán Luís Menor e abordou a evolución dos traballos do convenio subscrito entre a entidade termal e Secretaría de Estado de Turismo (SETUR) no marco do Programa Experiencias Turismo de España, que conta con fondos Next Generation.