Deputación de Lugo
Economía
Turismo

O Presidente destaca a boa acollida das rutas fluviais pola Ribeira Sacra, con preto de 2.200 viaxeiros na Semana Santa

rutas fluviais
Ribeira Sacra
Semana Santa
As embarcacións navegaron praticamente completas dende o Xoves Santo ao Domingo de Resurrección en todas as travesías, cun perfil de visitante na maioría nacional, pero tamén se rexistraron billetes de persoas chegadas de países como Colombia, Portugal, Reino Unido, Eslovenia, Países Baixos e Arxentina

A día de hoxe, a institución provincial xa ten reservado o 70% das prazas dispoñibles para este mes de abril

Consolídase así o éxito dunha oferta que “é un dos piares da estratexia que impulsamos dende a Deputación para favorecer un turismo de calidade e sostible”, e que ten “un claro retorno económico para o sector turístico, a hostalería e o comercio, pero tamén en termos de promoción”, subliñou José Tomé

As rutas polos canóns do Sil e do Miño continuarán ata finais de ano. Os billetes pódense adquirir en reservas.rutasembalses.es

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, destacou a boa acollida que tiveron as rutas fluviais pola Ribeira Sacra no inicio desta tempada 2024, ao alcanzar preto de 2.200 viaxeiros e viaxeiras durante a Semana Santa.


Consolídase así o éxito dunha oferta que é “un dos piares da estratexia que impulsamos dende a Deputación para favorecer un turismo de calidade e sostible”, e que, subliñou o mandatario provincial, ten “un claro retorno económico, de xeito directo, sobre todo para o sector turístico, a hostalería e o comercio, porque incentiva o consumo e as pernoctas; pero tamén en termos de promoción, cun impacto moi importante, porque a gran maioría das persoas que desfruta das viaxes, ou ben volven á Ribeira Sacra, ou ben se converten en embaixadores da gran riqueza patrimonial desta comarca e da provincia, o que anima a máis xente a vir”.


As cifras de viaxeiros desta pasada Semana Santa son similares ás rexistradas na pasada tempada, a pesardo mal tempo de frío e chuvia que afectou a toda España durante estas datas festivas. As embarcacións viaxaron practicamente completas nos días grandes, dende o Xoves Santo ao Domingo de Resurreción, en todas as travesías con familias e grupos que xa reservaran con anterioridade. 


En canto á orixe do visitante, na súa maioría foi de procedencia nacional, especialmente de comunidades autónomas como Madrid, Asturias, País Vasco, Castela e León, Cataluña, e incluso de Santa Cruz de Tenerife. Ademais, hai que destacar a importante afluencia de persoas doutros puntos da provincia de Lugo e do resto de Galicia. É tamén relevante o dato de que para a meirande parte dos viaxeiros foi a primeira vez que vivían esta experiencia turística única, xa que permite descubrir este enclave natural Reserva da Biosfera dende outro punto de vista.  


Previsións positivas para atemporada

O Presidente da Deputación asegurou ademais que as previsións para esta temporada son positivas. Os datos actuais indican unha ocupación do 70% para o resto deste mes, grazas ás reservas previamente realizadas. De feito, para a ponte do 1 de maio, quedan xa poucas prazas libres nos tres  percorridos ofrecidos polo Canón do Sil. Isto vén a demostrar unha tendencia crecente na planificación anticipada das viaxes.

Para o período completo da temporada, que se estende ata decembro, rexistráronse xa máis de 12.000 reservas. Estes números subliñan unha demanda continua e un interese estable nos vindeiros meses, mantendo unha oferta atractiva e adaptada ás preferencias dos viaxeiros. A Deputación destina a este servizo turístico un orzamento aproximado de 800.000€, ó que demostra o compromiso da institución por un turismo de calidade que ten un impacto económico directo na hostalería e no comercio, tanto na comarca como no conxunto da provincia de Lugo. 


Reservas, datas e horas

As persoas interesadas en realizar as rutas poden adquirir os seus billetes en reservas.rutasembalses.es

No caso da ruta fluvial Canón do Sil funcionan dúas travesías cunha capacidade total de 159 prazas, distribuídas en 107 prazas no catamarán Mencía e 52 no monocasco Canón do Sil. Pola súa banda, a ruta fluvial Cabo do Mundo conta cunha capacidade total de 63 viaxeiros.  

Neste mes de abril, os catamaráns da Deputación navegan de mércores a domingo pola ruta Canón do Sil, e no caso de Cabo do Mundo haberá viaxes as fins de semana. Igual que durante o mes de maio, no que tamén haberá servizo en ambas rutas o primeiro luns do mes, pola festividade do Traballo, e o día 17, con motivo das Letras Galegas.


No Canón do Sil, en xuño, xullo, agosto e setembro, haberá rutas de luns a domingo, en horario de mañá, tarde e noitiña. A partir do 1 de outubro pasarán a funcionar de mércores a domingo e no mes de novembro as fins de semana. Tamén haberá servizo en horario de mañá e de tarde o mércores 1 de novembro, coincidindo co día de Todos os Santos. 


No caso da viaxe que parte de Cabo do Mundo, en xuño habilítanse viaxes de mércores a domingo con tres frecuencias horarias. Para xullo, agosto e setembro o servizo funcionará durante toda a semana. A partir do 1 de outubro e ata a ponte de decembro pasarán a funcionar só as fins de semana, a excepción da ponte do 12 de outubro, que haberá viaxes do mércores ao domingo, e a ponte de Todos os Santos, que haberá servizo tamén o 1 de novembro.


Ambas rutas rematarán a tempada a final de ano, con viaxes todos os días do 2 ao 10 de decembro.