Deputación de Lugo
Formación

O Pazo de San Marcos acollerá o vindeiro 13 de marzo un obradoiro para implementar a Axenda 2030 no eido local

Formación
Pazo de San Marcos
FONDO GALEGO
Imaxe deputación de lugo
A Deputación colabora co Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade na organización desta acción formativa dirixida a representantes políticos, técnicos municipais, deputacións e mancomunidades, así como a asociacións e público en xeral

A actividade encádrase no proxecto europeo People & Planet e ofrecerá un espazo de formación e discusión sobre os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) e o seu proceso de localización

O Salón de Actos do Pazo de San Marcos acollerá o vindeiro mércores, 13 de marzo, o obradoiro Todos os ODS son locais, unha acción formativaimpulsado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade coa colaboración da Deputación de Lugo co obxectivo de impulsar a implementación da Axenda 2030 no eido local. Esta acción formativa enmarcada no proxecto europeo People & Planet está dirixida a representantes políticos, técnicos municipais, deputacións e mancomunidades, pero tamén a asociacións e agrupacións, e a público en xeral con especial interese entre a mocidade.

A xornada formativa permitirá achegarse aos principios fundamentais da Axenda 2030 e ás fases do proceso de localización mediante exemplos de boas prácticas, ao tempo que se empregarán dinámicas participativas para explorar conxuntamente estratexias para territorializar os ODS, de xeito que xurdan iniciativas que despois poidan ser levadas á práctica. Neste senso, informarase das liñas de financiamento dispoñibles e facilitarase o asesoramento necesario. Os participantes recibirán unha guía de apoio que busca ser unha ferramenta clave neste camiño, ofrecendo orientación práctica para a integración efectiva dos ODS nas políticas e accións locais, tendo en conta o papel chave que teñen os municipios na consecución destas metas fixadas por Nacións Unidas.

#PeopleAndPlanet

O proxecto europeo People & Planet: un destino común busca concienciar ás mozas e mozos sobre as graves consecuencias do cambio climático para que se convertan en axentes de transformación na procura dun mundo máis sustentable. A iniciativa, que botou a andar en novembro de 2020 e que se prolongará durante catro anos, reforza tamén aos gobernos municipais na promoción de políticas a prol do desenvolvemento sostible, tendo en conta a interdependencia local-global. Procúrase así contribuír a implementar a Axenda 2030. O plan está financiado polo programa DEAR da Comisión Europea e involucra a 17 entidades de Galicia, Portugal, Alemaña, Irlanda, Italia, Polonia, Romanía, Países Baixos e Cabo Verde.

O Fondo Galego

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 103 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur Global e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, o Fondo Galego vén de cumprir 27 anos tendo apoiado uns 200 proxectos en máis de trinta países e promovendo numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur e a Axenda 2030.

Programa da xornada

O obradoiroTodos os ODS son locaischega á Deputación de Lugo tras desenvolverse nos concellos de Teo e O Barco de Valdeorras. Ao día seguinte, o xoves 14 de marzo, terá lugar en Viveiro. Tamén se organizarán xornadas nas vindeiras semanas nos Concellos de Covelo e Fene, e na Deputación de Pontevedra. 

A xornada formativa terá lugar ao longo da mañá e o programa desenvolverase da seguinte forma:

10:00 h. Coñezámonos! Presentación das persoas e entidades participantes
10:15 h. O Fondo Galego de Cooperación e Solidaridade: Que é e por que formamos parte?
10:45 h. A Axenda 2030. Principios fundamentais e oportunidades para os concellos
11:30 h. Pausa para o café 
12:00 h. A Axenda 2030 vive nos concellos. Exemplos reais de actuacións 
12:15 h. Mesas de traballo ao estilo Design Thinking: Traballo en pequenos grupos para xerar ideas sobre como implementar os ODS a nivel local. Selección de tres ideas: 
-    Asígnanse a cada idea seleccionada os ODS aos que contribúe
-    Desenvolvemento e visualización da idea
-    Presentación final da idea e retroalimentación
13:40 h. Reflexións finais e enquisa de avaliación
14:00 h. Fin do obradoiro