O Presidente da Deputación participa no pleno de constitución da FEMP, que buscará garantir a suficiencia financeira das entidades locais
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou este sábado no IFEMA, en Madrid, no pleno no que quedou constituída a nova estrutura de goberno da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) despois da celebración das eleccións locais do 28 de maio. Unha xornada baixo o lema O Futuro está no Local que inaugurou a Ministra de Política Territorial e portavoz do Goberno en funcións, Isabel Rodríguez, xunto ata o hoxe presidente da FEMP e Alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o Alcalde de Madrid, José Luis Martínez-Almeida.
O mandatario provincial forma parte de novo da Comisión de Deputacións, Cabildos e Consellos Insulares nesta nova etapa, na que a FEMP, segundo acordou hoxe nas comisións de traballo, buscará, entre outras liñas de actuación, conferir consistencia e eficacia ao municipalismo cun novo marco de revisión e regulación do sistema de participación nos ingresos do Estado que garanta a suficiencia financeira para o conxunto do sistema local de goberno, isto é, deputacións e concellos.
Acordouse tamén instar a creación dunha reserva específica de fondos europeos para loitar contra o despoboamento, que sería xestionado polas deputacións, cabildos e consells en colaboracións cos concellos afectados. Uns obxectivos polos que o Presidente da Deputación leva traballado no seo da Comisión de Deputacións da FEMP dende o mandato pasado para poder incrementar os recursos e ofrecer máis e mellores servizos aos veciños e veciñas, sobre todo do rural.
Na asemblea de hoxe participou tamén a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e a primeira tenente de Alcalde de Monforte, Gloria Prada.