Deputación de Lugo
Turismo

A Deputación patrocina o XV Torneo de Bridge de Monforte, que contará con 70 participantes

Monforte de Lemos
O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou na presentación desta cita xunto á tenente de Alcalde, Gloria Prada, e a presidenta da Asociación Club Bridge Ciudad de Monforte de Lemos, Dora Blanco

A institución provincial achega 1.210€ para promover este encontro que atraerá un gran número de visitantes á Ribeira Sacra durante a fin de semana

O Deputado de Promoción  Económica e Social da Deputación de Lugo, Pablo Rivera Capón, presentou este xoves na casa do Concello de Monforte de Lemos o XV Torneo de Bridge Cidade de Monforte de Lemos xunto á primeira tenente de Alcalde da localidade, Gloria Prada, e a presidenta da entidade organizadora, o Club de Bridge de Monforte de Lemos, Dora Blanco.

Rivera Capón destacou o apoio da Deputación de Lugo, cun patrocinio de 1.210€, “porque buscamos o valor engadido, e neste caso o Torneo de Bridge vai a supoñer un importante revulsivo económico para Monforte durante esta fin de semana, xa que o bridge, aínda que é un deporte aínda descoñecido, move moita xente, sendo ademais un deporte olímpico”. O deputado provincial tamén confía no éxito deste tipo de eventos “que atraen un turismo de calidade e de experiencias”.

Gloria Prada, pola súa banda, amosou a satisfacción do Concello por “que se volva a celebrar este Torneo na nosa cidade, xa que a última edición do mesmo disputouse en 2019, e a pandemia da Covid-19 impediu que puidera volver a organizarse ata este ano”.

E engadiu que “tanto o Alcalde e Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, como o Equipo de Goberno, implicámonos en apoiar a recuperación deste torneo, para o cal contribuímos cunha axuda económica destinada a sufragar os gastos de arbitraxe do torneo”.

A Tenente de Alcalde destacou a importancia de “poder acoller encontros desta índole na nosa cidade, porque non só contribúen a dar a coñecer o potencial do noso turismo e a nosa oferta cultural, senón que tamén xeran actividade ao redor da hostalería e o comercio, e permítennos dar a coñecer o encanto da nosa terra, de Monforte e da Ribeira Sacra”.

Por iso, a mandataria monfortina agradeceu o esforzo e a implicación da Asociación Club Bridge Ciudad de Monforte de Lemos por volver a organizar este torneo e desexou que a edición deste ano resulte “todo un éxito, e que sexa o principio da recuperación do mesmo, para que alcance no futuro o esplendor que tivo en anos pasados”.

Pola súa banda, a Presidenta da Asociación Club Bridge Ciudade de Monforte de Lemos, Dora Blanco, explicou todos os detalles dun torneo que “retoma a súa andadura despois de non poderse tido celebrar dende 2019”.

15 edicións

A 15ª edición do Torneo de Bridge Ciudade de Monforte de Lemos disputarase o 15 e 16 de setembro no Parador de Turismo de Monforte e contará con 70 xogadores de toda Galicia así coma outros puntos de España como Canarias, Valladolid ou Alacante.

A organización do Torneo destina para os participantes mellor clasificados 3.000€ en premios e agasallos.

Dora Blanco destacou o carácter oficial do Torneo, “xa que é de categoría nacional, con puntos federativos e que conta coa presencia dun árbitro nacional oficial, Ramón Quirós García”.