Deputación de Lugo
Turismo

200 veciños e veciñas de nove entidades lucenses viaxan esta semana co Coñece a túa provincia

Coñece a túa Provincia
Integrantes de colectivos de Taboada, Outeiro de Rei, Chantada, Sober, Castro de Rei, Begonte, Lugo e O Vicedo visitarán A Mariña, a Ribeira Sacra e os concellos de Cervantes e Navia de Suarna, na Montaña

Arredor de 200 veciños e veciñas de nove asociacións da provincia de Lugo participan esta semana nas viaxes gratuítas do programa Coñece a túa provincia, a terceira edición desta iniciativa organizada pola Deputación de Lugo. Dende o martes ata o venres, as entidades de Taboada, Outeiro de Rei, Chantada, Sober, Castro de Rei, Begonte, Lugo e O Vicedo visitarán os recursos patrimoniais das comarcas da Mariña e a Ribeira Sacra, así como os concellos de Cervantes e Navia de Suarna, na Montaña. 

A Asociación de Veciños de Arxiz, de Taboada, e a Asociación de Pensionistas e Xubilados do concello de Outeiro de Rei son as primeiras entidades en participar esta semana. Os de Taboada visitaron este martes a Granxa Gayoso Castro e, posteriormente, puxeron rumbo aos concellos de Barreiros e Ribadeo, onde visitarán o litoral, as praias e o centro de Ribadeo. Por outra banda, os veciños de Outeiro fixeron a primeira parada no Centro de Interpretación Terras do Miño e despois desprazáronse a Sober para coñecer os seus miradoiros e o románico. 

Mañá mércores será a quenda da Coral Polifónica de Chantada, que, despois de coñecer o traballo que realiza a Produtora de Audiovisuais, continuarán a viaxe para visitar o paseo marítimo de Barreiros ou a praia das Catedrais e Rinlo, en Ribadeo. Por outra banda, a Asociación de Veciños de Santo Estevo, de Sober, coñecerá o Mazo de Santa Comba e os concellos de Burela e Foz, onde visitarán o Barco Museo Boniteiro no municipio burelés, ou as praias focenses.

Será o xoves cando o Club Atletismo Veleiro Docampo, de Castro de Rei, coñeza a Granxa Gayoso Castro e posteriormente poña rumbo ó Valadouro e Alfoz. Por outra banda, a Asociación de Veciños de San Andrés de Castro, de Lugo, percorrerá o Mazo de Santa Comba e O Saviñao, con paradas no Ecomuseo de Arxeriz, o miradoiro do Cabo do Mundo ou un percorrido no catamarán da Deputación polo Miño. 

Por último, o venres serán tres as entidades que participen no Coñece a túa provincia. Por unha banda, a Asociación Veciñal Aguiar, de Outeiro de Rei, achegarase ao concello de Sober despois de visitar as instalacións do Centro de Interpretación Terras do Miño. Por outra banda, a Asociación Veciñal, Cultural e Deportiva San Vicente de Pena, de Begonte, achegarase á Granxa Gayoso Castro e posteriormente continuará a ruta cara os concellos de Cervantes e Navia de Suarna. A última entidade desta semana será a Asociación de Veciños de San Román, do Vicedo, que coñecerá o Mazo de Santa Comba antes de poñer camiño á Ribeira Sacra e visitar o concello de Monforte.