Medio Rural e do Mar, Mocidade
Deputación de Lugo

O Presidente reivindica Expomar como “referente absoluto no coñecemento e defensa do sector pesqueiro”

Expomar
Burela
pesca
José Tomé Roca clausurou este sábado xunto ao Alcalde de Burela a 19ª edición do encontro renovando o compromiso da Deputación coa fundación organizadora e coa celebración da cita

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, foi o encargado de clausurar xunto ao Alcalde de Burela, Alfredo Llano García, a 19ª edición da Feira Monográfica Expomar que se celebrou esta semana no porto da vila mariñana. No acto, celebrado na Nave de Redes, tamén participou a Concelleira de Servizos Sociais e Mar, Carmela López Moreno, e o xerente de Expomar, José Manuel González.

Na súa intervención, José Tomé Roca reivindicou a feira náutico pesqueira como “referente absoluto no coñecemento e defensa do sector pesqueiro” e renovou o compromiso da Deputación coa fundación organizadora e coa celebración da cita, así como coa xente do mar e o sector pesqueiro, subliñando que a pesca representa para Burela, para a comarca da Mariña e para toda a provincia “unha riqueza económica moi importante, que se mide na súa aportación ao Produto Interior Bruto, pero tamén unha riqueza social e cultural cun valor incalculable porque forma parte dos nosos sinais de identidade”.

“A pesca é un modo de vida que identifica un territorio, que crea actividade económica e emprego, que aporta produtos de calidade de alto valor para a nosa saúde e que, ó mesmo tempo, contribúe a promocionar a imaxe da provincia, enriquece a gastronomía, e polo tanto convértense tamén nun elemento dinamizador de sectores como o de servizos, e nomeadamente o do turismo”, incidiu o mandatario provincial.

Recoñeceu tamén o traballo da fundación, que este ano recuperou a Feira Monográfica Nautico-Pesqueira paralizada dende o 2020 pola crise sanitaria. Este encontro congregou a numerosos expertos e público xeral que se achegou a coñecer as novidades do sector a este recinto feiral. 

José Tomé desexou que as conclusións obtidas nesta edición teñan percorrido e que cheguen mesmo ás autoridades comunitarias, que, “como vemos nos últimos tempos, parece que están lonxe da realidade dun sector que é fundamental para o presente e para o futuro de Burela, da comarca da Mariña e do conxunto da nosa provincia”.

De forma paralela á feira, desenvolveuse a 30 edición das Xornadas Técnicas e a 24 edición do Encontro Empresarial, dous eventos que anualmente engaden interese para os profesionais e todas aquelas persoas vinculadas ao mundo do mar e da pesca.