Cooperación concellos
Deputación de Lugo
Infraestruturas

O Presidente supervisa en Ribadeo as obras da estrada de Vilela, na que a Deputación inviste medio millón de euros

Ribadeo
Vías e Obras
Rede provincial de estradas
Xa se acometeu a ampliación da ponte de Feve e a instalación dunha pasarela voada e estase a traballar na construción de beirarrúas. A actuación completarase co estendido de aglomerado en quente, a instalación de pasos elevados e a sinalización

O mandatario provincial cumpre un compromiso coa veciñanza ribadense acometendo esta obra nunha vía moi frecuentada, sobre todo por rapaces e rapazas que acoden ás instalacións deportivas situadas ao pé da vía ferroviaria, que verán desta forma substancialmente mellorada a súa seguridade e comodidade

José Tomé comprobou tamén o estado da estrada provincial de Cedofeita a Trabada por Arante, na que a Deputación acometerá melloras

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, supervisou este venres as obras de ampliación e mellora que a institución está acometendo cun investimento de medio millón de euros na estrada provincial que une o núcleo urbano de Ribadeo e Vilela, a LU-P-5207.

O mandatario provincial estivo acompañado polo Alcalde do municipio, Fernando Suárez Barcia, e concelleiros e concelleiras da Corporación Municipal. Con esta actuación, o Presidente cumpre un compromiso coa veciñanza de Ribadeo para acondicionar esta vía no tramo que descorre paralelo ao campo de fútbol municipal ata a ponte de Feve.

Os traballos, que xa están na fase final, consistiron na ampliación da ponte de Feve e a instalación dunha pasarela voada, para o que foi necesario demoler a parte superior da estrutura existente. Colocáronse tamén dúas cimbras a ambos lados da nova estrutura e unha lousa na parte superior, tamén se instalaron varandas e elementos de separación para protexer o tráfico rodado do peonil. Agora mesmo estase a traballar na construción de beirarrúas e para completar estas obras falta o estendido do aglomerado en quente, a instalación de pasos elevados e a sinalización. A Deputación de Lugo tamén repuxo os servizos municipais existentes de abastecemento e saneamento.

O Presidente subliñou que estas actuacións “supoñerán un antes e un despois” nesta zona pola súa “repercusión social”, en tanto que mellorarán de maneira substancial a  seguridade e a comodidade de condutores, ciclistas e viandantes. De feito, recalcou, trátase dunha estrada moi frecuentada, sobre todo rapaces e rapazas que acoden aos adestramentos no campo de fútbol municipal que se sitúa ao pé da vía do tren, un traxecto que, con noite ou mal tempo, resulta especialmente perigoso cando se cruzan vehículos e peóns.

Melloras na estrada provincial de Ribadeo a Trabada por Arante
O mandatario provincial aproveitou a súa visita a Ribadeo para comprobar o estado doutra estrada no concello mariñán, en concreto, a LU-P-5204, que vai de Cedofeita a Regocorto por Arante, ata chegar a Trabada. Unhas obras que están en fase de contratación e cos que a Deputación renovará o firme entre os puntos quilométricos 2,780 e 3,600. A Deputación de Lugo inviste neste proxecto preto de 50.000€.

Os traballos inclúen a reapertura de cunetas, eliminando a vexetación e os aterramentos e desatascándoas para facilitar a evacuación de augas cando chove. Tamén se vai pavimentar con aglomerado en quente o treito, para aumentar a comodidade e a seguridade na condución.  Unha vez estea finalizada a pavimentación, procederase a pintar a vía con marcas reflexivas brancas.

Explicou Tomé Roca que “estas obras beneficiarán a centos de veciños e veciñas que utilizan esta vía para comunicarse con varias parroquias do interior de Ribadeo, e tamén para desprazarse cara Trabada e outras zonas do interior da provincia”. 

6,7M€ investidos en Ribadeo
Esta actuación forma parte da colaboración constante e continua da Deputación de Lugo co concello de Ribadeo, onde a institución provincial inxectou máis de 1,9M€ o ano pasado e un total que se achega aos 6,7M€ desde o principio do mandato. Un investimento que serviu para dotar de máis e mellores servizos aos veciños e ás veciñas deste municipio da Mariña.