Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo acolle a formación da nova asociación Cuarto Mundo

CUARTO MUNDO
asociacións
A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participou no Pazo de San Marcos na reunión de constitución do colectivo, que nace co obxectivo de combinar a loita contra o despoboamento e a axuda ás persoas máis desfavorecidas

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participou este venres no Salón de Actos da Deputación de Lugo na constitución da asociación Cuarto Mundo. Este colectivo nace co obxectivo de combinar a loita contra o despoboamento e a axuda ás persoas máis desfavorecidas. García Porto destacou que “Lugo é unha provincia cunha alta dispersión da poboación, e cunha media de idade elevada. Factores ambos que contribúen a acelerar o despoboamento do rural. Un rural que, para frear esta tendencia, precisa servizos públicos, investimento en infraestruturas e novas tecnoloxías”.

Xunto a iso, asegurou a Deputada, “necesitamos todas as ideas, todas as aportacións arredor de como recuperar poboación no rural. Con proxectos de emprego, coa innovación e a diversificación de sectores fundamentais, como o sector primario, ou mesmo apostando por converter os problemas en oportunidades, como, entre outras moitas accións, estamos facendo dende a Deputación de Lugo co despregue dunha rede provincial de centros públicos de atención a maiores en pequenos concellos do rural. Uns centros de atención ós maiores, que dan un servizo moi necesario, que favorecen o arraigo, que crean emprego de calidade, sobre todo entre as mulleres, e que dinamizan a economía local. Polo tanto, estamos axudando a manter a poboación”.

Pilar García Porto amosouse convencida “de que a capacidade das persoas que hoxe constitúen a asociación Cuarto Mundo é o preludio dunha contribución importante de ideas para mellorar o conxunto da sociedade, lucense e de toda Galicia. Unha vontade de mellora que compartimos dende a Deputación de Lugo”.

Xunto á Deputada, no acto estiveron presentes José Luis Martín Palacín, presidente da asociación Cuarto Mundo; Julio Abalde Alonso, Reitor da Universidade da Coruña; Roberto García González, secretario xeral de Unións Agrarias; Verónica Marcos Arrojo, presidenta da Federación de Mulleres Rurais de Galicia; Joan Alibés, presidente da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes, e secretario de Cuarto Mundo; e Juan Manuel Villoslada, tesoureiro do novo colectivo.