Deputación de Lugo
Formación

A Deputación emite en directo os Campionatos Internacionais de Baristas de Foz entre hoxe e o venres

Baristas
Foz
O alumnado de 2º de Realización do Centro de Formación Audiovisual será o encargado do streaming, que poderá seguirse na canle de YouTube do Servizo de Audiovisuais

Centros de Galicia, Asturias, País Vasco, Castela e León e Madrid participan, a partir das 17:00 horas deste mércores, no XV Campionato de Baristas de Escolas de Hostalería que organiza o IES de Foz

Durante o directo emitiranse promocionais do Centro de Formación Audiovisual e da sección Descubrindo Lugo que elabora o Servizo de Audiovisuais da Deputación para fomentar o coñecemento do patrimonio natural, monumental, cultural e etnográfico da provincia

Os alumnos e alumnas de 2º de Realización do Centro de Formación Audiovisual (CFA) da Deputación de Lugo serán os encargados do streaming do XV Campionato Internacional de Baristas de Escolas de Hostalería e do IX Campionato Internacional de Baristas Profesionais, que se celebran desde este mércores ata o venres, 10 de febreiro, no concello de Foz. Paralelamente, terán lugar os certames de Catas de Café, tanto na categoría de escolas como de profesionais.

A competición, organizada polo IES de Foz, comeza esta tarde, ás 17:00 horas, coa participación de centros de ensino de cinco comunidades: Galicia, Asturias, País Vasco, Castela e León, e Madrid. A emisión en directo, que poderá seguirse na canle de YouTube do Servizo de Audiovisuais da Deputación, continuará mañá, ás 9:30 horas, coa retransmisión da final da competición de escolas e a entrega de premios. O venres, tamén a partir das 9:30, poderase ver en directo o IX Campionato Internacional de Baristas  Profesionais.

Práctica nun escenario real e promoción da provincia

Os estudantes do CFA, acompañados por un docente, xa están no IES de Foz traballando nos preparativos necesarios para levar a cabo o streaming. Nesta ocasión empregarán seis cámaras e todo o material preciso para a realización dun programa de televisión en directo. Cada alumno rotará por todos os postos, como realización e operador de cámara, e serán os responsables do son e dos rótulos, entre outras tarefas.

Ademais de servir de práctica nun escenario real aos alumnos, este directo a través de internet contribuirá a promoción da provincia e do modelo educativo, público e de calidade, que promove a Deputación a través do seu Centro de Formación Audiovisual. Ao longo da retransmisión emitiranse promocionais tanto do CFA como da sección de Descubrindo Lugo que elabora o Servizo de Audiovisuais da institución provincial, destinada á fomentar o coñecemento do patrimonio natural, monumental, cultural e etnográfico da provincia.

Programa dos Campionatos

O programa arranca este mércores ás 16:30 horas cunha exhibición de Adrián García e Sergio Varela do Centro de Educación Especial de Pontevedra, medalla de ouro na especialidade de servizos de restauración no I Campionato galego FP Básica Skills Galicia 2022.

As 17:00 comezará a final do XV Campionato Internacional de Baristas de Escolas de Hostalería e o X Campionato Internacional de Catas de Cafés de Escolas de Hostalería, O xoves pola mañá rematará a final do campionato de Escolas e pola tarde será o III Campionato Internacional de Cata de Cafés de Profesionais. Xa por último, venres,  10 de febreiro, rematará o encontro co IX Campionato Internacional de Baristas  Profesionais.