Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

Rivera Capón enxalza o proxecto Troya polo “salto cualitativo” a favor da inserción laboral das persoas con discapacidade intelectual

Down Lugo
USC
inclusión
Emprego
O Deputado de Promoción Económica e Social participou na clausura desta acción formativa, coa que 8 persoas de Down Lugo melloraron a súa autonomía e habilidades para atopar un traballo ou aspirar a unha mellor situación laboral

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou este martes, na Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus Terra, na clausura do curso para o Desenvolvemento de Habilidades Empresariais, coñecido como proxecto Troya. A acción formativa impulsado pola Asociación Síndrome de Down de Lugo e a Universidade de Santiago de Compostela incluíu 10 sesións formativas durante os meses de outubro a decembro.


Neste tempo, 8 mozos e mozas de Down Lugo melloraron a súa autonomía e habilidades en materia tecnolóxica e social, co obxectivo de saír ao mercado laboral con maiores garantías, e aumentar así as súas posibilidades á hora de atopar un traballo ou mesmo aspirar a unha mellor situación laboral ca actual.


Rivera Capón destacou no acto de clausura que "o emprego é a mellor política social". E neste senso, o proxecto Troya é un exemplo que "dá un salto cualitativo ó abrir os espazos da educación superior ás persoas con discapacidade intelectual", subliñou. Unha aposta, engadiu "moi intelixente" por converter a formación no cabalo de Troya "que permita vencer as reticencias que o mercado laboral aínda ten cando se trata de contratar ás persoas con capacidades diferentes".


Polo tanto, “só queda felicitar ao colectivo lucense e á Universidade por desenvolver esta gran iniciativa e camiñar xuntos cara a unha provincia máis inclusiva e social", concluíu o Deputado de Promoción Económica e Social.


Precisamente, a Deputación mantén unha estreita colaboración con ambas entidades. Por unha banda, a institución provincial achega á Asociación Down Lugo financiamento para os seus programas de promoción da autonomía persoal e social das vivendas comunitarias, e de formación, creación, experimentación e produción do grupo de teatro Down. E por outro lado, a de Lugo é a administración provincial que máis recursos dedica á colaboración co ensino público.