Deputación de Lugo

A Deputación solicita 1,5M€ de fondos europeos para implantar accións en transformación dixital e modernización nos concellos da provincia

Xunta de Goberno
Fondos Europeos
Tecnoloxía
A Xunta de Goberno da institución provincial aprobou presentar 5 proxectos a unha liña de axudas convocada polo Ministerio de Política Territorial, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno do Estado

“Aspiramos a ser a primeira Deputación de toda España en contar cun sistema dixital de estradas, que permitirá acceder, tanto ás administracións como aos cidadáns, a numerosa información de interese en tempo real”, subliñou Pilar García Porto

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres a solicitude para concorrer a 1,5M€ de fondos europeos destinados a implantar proxectos pioneiros  en materia de transformación dixital e modernización, a través dunha liña de axudas convocada polo Ministerio de Política Territorial, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno do Estado.

Así o anunciou na rolda de prensa celebrada esta mañá a voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, quen apuntou que a institución acóllese a esta subvención “coa finalidade de desenvolver 5 proxectos que facilitarán as xestións dos veciños e veciñas nos concellos, a través de propostas innovadoras, que mellorarán a prestación dos servizos públicos”, e que os fará, dixo, “máis útiles, áxiles e transparentes”.

As axudas solicitadas para implantar estas 5 accións irán destinadas ós concellos de menos de 20.000 habitantes que, no caso da provincia de Lugo, son todos menos o da capital. 

Entre estas propostas, amosou García Porto o interese da institución de implantar un sistema dixital para a xestión das estradas da provincia, a máis extensa de España, con máis de 4.200 quilómetros, polo que “será un gran avance en materia de infraestruturas para facelas máis seguras e sostibles”. 

“Coa solicitude destes fondos europeos, aspiramos a ser a primeira Deputación de toda España en contar con este sistema intelixente, que permitirá acceder, tanto ás administracións como aos cidadáns, a numerosa información de interese en tempo real, similar a un Google Maps”. 


Esta ferramenta permitirá coñecer e notificar, entre outras moitas funcións, o estado das estradas, a intensidade do tráfico, ou incidencias en cada unha vías da provincia, “polo que supoñerá un instrumento moi útil para deseñar actuacións de mellora e acondicionamento, e para responder cunha maior axilidade e eficacia a calquera tipo de circunstancia que se produza na rede viaria”, explicou a Deputada. “Facemos unha aposta por seguir mellorando a mobilidade,  unha das prioridades da nosa acción de Goberno, aproveitando as oportunidades que nos ofrecen as novas tecnoloxías”, engadiu. 


Ademais desta iniciativa, a Deputación solicita fondos europeos para outros catro proxectos: un para a mellora da eficiencia dos servizos básicos da administración dixital dos concellos; outro para renovar equipamentos tecnolóxicos; un terceira actuación para crear oficinas municipais de prestación de servizos electrónicos aos veciños e veciñas; e outro para a implantación dun sistema de gravación para as sesións plenarias das entidades locais.

Colaboración co Club Fluvial de Begonte

Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobou un convenio de colaboración a través do que a Deputación aporta máis de 52.000€ ó Centro de Iniciativas e Turismo do Club Fluvial de Begonte para que poida realizar melloras nas súas instalacións deportivas. O investimento inclúe a redacción do proxecto e a execución das obras, que consistirán na mellora das pistas multideporte e no subministro e instalación da rede e pintado nas pistas de tenis. 

Con esta actuación, o Club poderá contar cunhas renovadas instalacións para a práctica deportiva e a celebración de eventos que o centro  desenvolve nestas pistas, e que son de gran importancia e repercusión, como pode ser o Torneo Nacional de Tenis que reúne a deportistas de todo o país. Esta aportación económica “é unha nova mostra do apoio que dende a Deputación de Lugo lle prestamos a esta entidade, que contribúe de forma significativa á dinamización da vida social de Begonte”, apuntou a voceira socialista.

Contratos

A Xunta de Goberno aprobou este venres a licitación do contrato para o mantemento do servizo videovixianza das dependencias da Deputación, por un importe de 81.000€. Terá unha duración de dous anos, prorrogables por outros dous, a renovar de ano en ano.

Así mesmo, quedou aprobada a adxudicación por un importe de máis de 98.000€ do contrato para o mantemento da aplicación informática que constitúe a base de datos do Servizo de Xestión Tributaria e Recadación, así como o módulo do Servizo de Contabilidade e Contas da institución. A empresa adxudicataria é Ayuntamientos Soluciones Informáticas S.L.U, e a duración da prestación do servizo será de dous anos.