Cooperación concellos
Deputación de Lugo
Turismo

Lourenzá exalta a súa xoia gastronómica na Festa da Faba co apoio da Deputación

Festa da Faba
Lourenzá
A Deputada de Muller e Igualdade, María Loureiro, asistiu xunto á Alcaldesa, Rocío López, a esta cita que “axuda a visibilizar un produto de tan altísima calidade, que conta coa distintivo de IXP, que cultiva xente de aquí e que supón unha fonte de ingresos para economía local de gran relevancia”

A Deputada de Muller e Igualdade, María Loureiro, asistiu este sábado á Festa da Faba de Lourenzá xunto á Alcaldesa de Lourenzá, Rocío López. Unha cita gastronómica que se recupera tras a pandemia e coa que o Concello laurentino exalta o seu produto estrela co apoio da Deputación de Lugo. 

María Loureiro estivo presente no pregón de Marina Oural Villapol e percorreu a zona de expositores na Praza do Conde Santo. Destacou a importancia de facer este tipo de eventos que axudan a visibilizar “aínda máis un produto de tan altísima calidade como é a faba de Lourenzá, que conta coa distintivo de IXP (Indicación Xeográfica Protexida), que cultiva xente de aquí e que supón unha fonte de ingresos para economía local de gran relevancia”. Asegurou, ademais, que este produto gastronómico supón “un factor de singularidade turística, capaz de atraer visitantes e de xerar riqueza na provincia”. Neste sentido, lembrou que a Ruta da Faba de Lourenzá vén de recibir o premio á excelencia do turismo e a gastronomía da provincia, que convoca o Consello Provincial de Turismo, un ente impulsado e presidido pola Deputación de Lugo.

A Deputación de Lugo colabora coa Festa da Faba a través do Plan Único de Cooperación cos Concellos cunha achega de 14.000€. A programación, que empezou o venres, continuará tamén durante a xornada deste domingo con música, espectáculos e un recital da pregoeira Marina Oural e Chefa Alonso.