Deputación de Lugo
Formación

A Deputación ofrece formación para o persoal dos concellos sobre Sistemas de Información Xeográfica

SIX
A institución provincial, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela, puxo en marcha a quinta edición deste curso para dar a coñecer o funcionamento do programa Quantum GIS ao persoal da administración local

A Deputación de Lugo, no marco do convenio coa Universidade de Santiago de Compostela (USC) para a realización da Enquisa de Infraestrutura e Equipamentos Locais (EIEL), puxo en marcha a quinta edición do Curso de SIX orientado á Xestión Técnica na Administración Local. Esta formación, centrada no uso do programa Quantum GIS (QGIS) e impartida vía telemática, arrancou o 20 de setembro e remata hoxe.

Formáronse unha vintena de técnicos e persoal administrativo que, con carácter habitual ou ocasional, necesitan obter información de mapas ou xeolocalizar lugares, sen que sexa necesario que teñan unha formación específica de informática gráfica ou xeográfica. Así, este curso achegou aos participantes ás tecnoloxías máis avanzadas no uso e tratamento da información territorial. Do mesmo modo, o fomento desta aplicación permitirá difundir os recursos cartográficos existentes en Internet e na Deputación ou establecer liñas de comunicación máis áxiles e eficaces para o intercambio de información.

A institución provincial demostra así o seu compromiso coa formación e a aposta polo emprego de ditas ferramentas e utilidades das que dispón a Deputación de Lugo e así conseguir os obxectivos marcados de desenvolvemento social e económico da provincia.