Deputación de Lugo
Infraestruturas

O Presidente da Deputación supervisa o inicio das obras de mellora da rúa General Portomeñe en Antas de Ulla

Antas de Ulla
Acompañado da Deputada Pilar García Porto, de técnicos do servizo de Vías e Obras e de membros da empresa adxudicataria, o mandatario provincial presenciou o comezo dos traballos, que, cun investimento superior aos 100.000€, van mellorar significativamente o firme e a sinalización desta travesía

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, supervisou o inicio das obras de mellora da rúa General Portomeñe, en Antas de Ulla, unha vía que forma parte da estrada provincial LU-P-4002, que vai dende Palas a Antas por Ponte Mercé. 

Acompañado da Deputada Pilar García Porto, de técnicos do servizo provincial de Vías e Obras e de membros da empresa adxudicataria –Francisco Gómez y Cía SL-, o mandatario provincial presenciou o comezo dos traballos, que, cun investimento superior aos 100.000€, van mellorar significativamente o firme e a sinalización desta travesía.

Os técnicos informaron das características do proxecto e a adxudicataria explicou o cronograma para a realización das obras, que teñen un prazo de dous meses e dúas semanas.

A actuación inclúe a reapertura das cunetas existentes, a eliminación da vexetación e os aterramentos, recuperando a sección primitiva. Ademais, limparanse e desatascaranse manualmente as obras de drenaxe transversais, os pasos salvacunetas e calquera elemento de drenaxe existente e necesario para garantir a evacuación das augas. Sanearanse as zonas nas que as raíces das árbores afectan á vía, coa reposición do firme. Seguidamente, os traballos consistirán na pavimentación da calzada con aglomerado. Para  mellorar a seguridade dos peóns, habilitaranse tres pasos de cebra elevados.

Finalizada a pavimentación, procederase ao pintado da rúa mediante marcas viais reflexivas blancas, e a sinalización dos pasos de peóns existentes.

Estas melloras súmanse ás xa feitas recentemente pola Deputación de Lugo nesta estrada provincial cun investimento de preto de 90.000€ e que consistiron na ampliación da plataforma da estrada entre o ensanche e o entronque co núcleo de San Martiño de Vilapoupre, pasando dos 4,6 aos 6 metros de ancho.

O Presidente destacou que estes traballos, que darán maior prestancia á travesía, teñen como obxectivo  mellorar a comodidade e a seguridade dos usuarios da rúa, “unha das que rexistra máis tráfico no concello de Antas de Ulla, porque é un tramo que discorre polo casco urbano”. O proxecto beneficiará de xeito directo aos máis de 2.000 veciños e veciños de Antas, “pero tamén á veciñanza de toda a comarca, porque é o principal nexo de unión entre o concello de Antas e o de Palas de Rei e tamén é o xeito máis directo para conectar a comarca coa autovía A-54 a Santiago”.

Máis obras en Antas

Xunto coas obras na rúa General Portomeñe, a Deputación tamén realizará melloras no inicio da estrada que vai a Rodeiro por Santa Cristina de Areas, o pintado da estrada de Antas a Chantada ata a parroquia de Olveda e a sinalización dun paso de cebra no comezo da estrada de Santa Mariña. As obras, cun orzamento de 31.500€, xa están adxudicadas a empresa Francisco Gómez y Cía.

Máis de 3M€ na Ulloa

A Deputación de Lugo leva investidos desde o inicio do mandato máis de 3M€ en infraestruturas viarias na Ulloa a través de varias liñas de actuación. Dos 4.200 quilómetros da rede de estradas provinciais, a máis longa de toda España e tres veces maior ca da Xunta de Galicia na provincia, preto de 155 percorren esta comarca, repartidos nunha trintena de vías. Descorren polos municipios de Antas de Ulla, Monterroso e Palas de Rei.

A institución provincial actúa nas estradas da comarca con proxectos de mellora, a través do Plan Único, cos medios propios do Parque Móbil e tamén con cargo ao Plan Provincial de Conservación de Estradas.