Deputación de Lugo
Turismo

Abraham Cupeiro recuperará sons esquecidos para amenizar a gala dos premios de turismo da provincia

premios
Imaxe deputación de lugo
O multiinstrumentista de Sarria participará na terceira edición destes recoñecementos, que entrega o Consello Provincial de Turismo, e que terá lugar no Pazo de San Marcos o vindeiro martes, 27 de setembro, coincidindo co Día Mundial do Turismo

Esta edición incorpora ademais a categoría de Turismo Sostible, como parte da programación organizada pola institución provincial con motivo do evento Copa España Creativa-Forum Lugo 2022 da que é anfitrioa tras gañar este certame por un proxecto de recuperación e posta en valor de soutos nos Ancares

A cita poderá seguirse en directo a través da canle de Youtube do Servizo de Audiovisuais da Deputación a partir das 17.00 horas

O multiinstrumentista de Sarria Abraham Cupeiro recuperará sons esquecidos no tempo para amenizar a terceira edición da gala de entrega dos premios á excelencia do turismo e a gastronomía que promove o Consello Provincial de Turismo, impulsado e presidido pola Deputación de Lugo. O evento terá lugar no Pazo de San Marcos o vindeiro martes, 27 de setembro, coincidindo co Día Mundial do Turismo, e poderá seguirse en directo a través da canle de Youtube do Servizo de Audiovisuais da Deputación a partir das 17.00 horas.

Músico e construtor de instrumentos perdidos no tempo, Abraham Cupeiro é unha das poucas persoas que toca o Karnyx, unha trompeta celta da Idade de Ferro, e tamén é un impulsor da corna, un instrumento ancestral na tradición galega. A súa música nace da mestura dos sons do pasado que emerxen dos instrumentos que recupera, da súa formación clásica, e dos ritmos da música moderna. 

A actuación de Cupeiro será unha das novidades destes galardóns, que estrearán tamén, e de forma exclusiva, unha terceira modalidade enfocada ao Turismo Sostible.

A Voceira socialista do Goberno e Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, explicou que “esta nova categoría dos premios, que foi aprobada previamente polo Consello Provincial de Turismo, enmárcase dentro das accións que levaremos a cabo como antesala do evento Copa España Creativa - Fórum Lugo 2022, do que somos anfitrións despois de gañar este certame o pasado ano por un proxecto de recuperación e posta en valor de soutos na Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá”. 
En canto aos premios Lugo Cambia ao Turismo Lucense e ...E para comer, Lugo á Gastronomía Lucense manteñen as bases das edicións anteriores para recoñecer unha traxectoria profesional exemplar ou proxectos e iniciativas concretas no eido do turismo e da gastronomía.