Deputación de Lugo
Medio ambiente

A Deputación organiza un encontro cos usuarios e usuarias dos hortos urbanos do Rato

hortos urbanos
Medio Ambiente
A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo e o Deputado de Medio Ambiente participaron nesta xuntanza na que unhas 80 persoas saborearon os produtos colleitados por eles mesmos nestes espazos da institución provincial

Este é o segundo ano no que se realiza esta iniciativa, que pretende reforzar os lazos entre os beneficiarios das parcelas cunha actividade social e de lecer que fomenta o interese pola agricultura ecolóxica e o medio ambiente

A Deputación ten adxudicadas 141 parcelas das 150 que hai neste entorno e o pasado venres abriu o proceso para poder entregar as 9 restantes

A Deputación de Lugo organizou este xoves un encontro cos usuarios e usuarias dos hortos urbanos propiedade da institución provincial do Paseo do Río Rato. A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e o Deputado de Medio Ambiente, José Luis Raposo, participaron nesta xuntanza na que unhas 80 persoas saborearon os produtos colleitados por eles mesmos nestes espazos.

Este é o segundo ano que se realiza esta iniciativa, coa que a Deputación pretende reforzar os lazos entre os beneficiarios destas parcelas cunha actividade social e de lecer que fomenta o interese pola agricultura ecolóxica e o medio ambiente.

O Deputado de Medio Ambiente valorou moi positivamente esta actividade, que xa contou con moito éxito o ano pasado. Incidiu en que “vemos un gran interese por cultivar estes hortos e sentir o reconforto de recoller as legumes ou hortalizas plantadas para o autoconsumo”. Apuntou Raposo que “os nosos hortos son tamén un lugar de encontro con veciños e veciñas con intereses semellantes e permiten ás persoas desconectar do seu día a día facendo unha actividade que lles gusta. Por iso este tipo de xuntanzas son tan acertadas”. 

Despois do xantar, os deputados distinguiron aos usuarios e usuarias dos seis hortos en mellor estado con diferentes premios, consistentes en lotes de produtos e ferramentas de utilidade para a conservación e desfrute destes espazos. Tamén se entregaron 17 lotes de viño ecolóxico e sidra para os asistentes da formación que ten lugar cada xoves e onde os beneficiarios das parcelas aprenden diferentes cuestións sobre o coidado e mantemento dos terreos. Finalmente tivo lugar un sorteo dun queixo de cabra e un xamón entre os participantes nesta comida. 

A institución provincial ten adxudicadas 141 parcelas das 150 que hai neste entorno e o pasado venres abriu o proceso para poder entregar as 9 restantes. Os terreos, de 30ms2 cada un, foron concedidos a través dun proceso de competencia competitiva no que se primaron criterios sociais, como estar en situación de desemprego, ser representante dun centro educativo ou traballar para un colectivo social.

Remodelación dos hortos
A Deputación de Lugo conta con 150 no Paseo do Rato, tras a remodelación integral destes terreos públicos. Esta mellora supuxo un investimento de reto de 80.000 euros, co que se instalou un sistema de rega que dá acceso á auga dende todas as parcelas, composteiros para traballos de autoabastecemento ou a mellora do firme da terra e os accesos. 

A estas melloras sumouse tamén a  instalación de peches perimetrais de madeira e os traballos de roza e poda, realizando melloras silvícolas para propiciar o máis óptimo rendemento da terra. Tamén se habilitaron zonas de cultivo específicas para escolares e para persoas con mobilidade reducida, instaláronse paneis informativos e incorporouse mobiliario urbano, como mesas e bancos.