Deputación de Lugo
Emprego

O Presidente inaugura unha xornada de análise sobre a situación laboral das persoas con discapacidade, colofón da mostra que a Deputación levou aos concellos da provincia

Cegasal
O mandatario provincial participou xunto coa Alcaldesa de Lugo e o presidente de CEGASAL na apertura da mesa de debate A Reserva de contratos a Centros Especiais de Emprego de Iniciativa Social como instrumento para o impulso do emprego das persoas con capacidades diferentes

José Tomé Roca subliñou que na “loita por evitar que haxa persoas de primeira e de segunda no aceso ao emprego ou en calquera ámbito da vida, seguirémonos implicando con medidas directas e a través da colaboración co tecido asociativo e produtivo, dentro do noso compromiso coas políticas sociais como piar da acción do Goberno”

Lara Méndez ratificou "a vontade do Goberno Local de pular pola inclusión efectiva dos colectivos vulnerables e das persoas con diversidade funcional en todos os ámbitos", e lembrou que o Concello recibiu este ano o Premio CEGASAL á Administración local máis comprometida de Galicia cos Centros Especiais de Emprego de Iniciativa Social

Ata o 30 de setembro pode visitarse nos corredores da planta baixa do Pazo de San Marcos a mostra CEGASAL: unha asociación de persoas para as persoas, composta por 24 imaxes do fotógrafo Diego Silva

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, inaugurou este xoves a xornada  A Reserva de contratos a Centros Especiais de Emprego de Iniciativa Social como instrumento para o impulso do emprego das persoas con discapacidade, que acolleu o Salón de Actos do Pazo de San Marcos. Un encontro de debate que pon o colofón a un proxecto que iniciou no mes de xuño a institución provincial con CEGASAL, consistente nunha exposición de fotografías que percorreu a provincia e que recala agora en San Marcos, onde permanecerá aberta dende hoxe ata o 30 de setembro.
 
Xunto ao mandatario provincial, na apertura da xornada participou a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López, e o presidente da Asociación Empresarial Galega de Centros Ecpeciais sen Ánimo de Lucro (CEGASAL), José Antonio Vázquez Freire.

O encontro, que reuniu a medio cento de persoas, sobre todo vinculadas cos servizos técnicos da administración local, contou coa presenza de alcaldes de diversos concellos da provincia, como o de Pol, Lino Rodríguez Ónega; Foz, Fran Cajoto Caserío; Ourol, José Luis Pajón; A Pontenova, Darío Campos; Xermade, Roberto García Pernas, tamén Deputado provincial; Alfoz, Jorge Val; Navia de Suarna, José Fernández; e A Fonsagrada, Carlos López.

O Presidente puxo en valor o traballo de CEGASAL en Galicia, con 35 centros especiais de emprego: “Podo constatar a calidade do seu traballo, da súa profesionalidade e o rigor co que manexan tanto os criterios de inclusión como a adaptación ós estándares do mercado”. 

Así mesmo, subliñou que, tal e como demostra a exposición que percorreu a provincia e que agora recala en San Marcos, as persoas con algún tipo de discapacidade “revélanse como excelentes profesionais, capaces, formados e esixentes. Persoas que lle aportan valor engadido ás empresas nas que traballan”, e reflexionou sobre a súa inserción laboral, poñendo o foco en que “só é cuestión de vontade, porque calquera persoa con diversidade funcional pode atopar un traballo á medida das súas capacidades. Temos que levar ao ámbito laboral a mesma diversidade que atopamos na sociedade, entre as persoas. Todos e todas somos válidos, só precisamos atopar a tarefa adecuada”.

As políticas sociais, unha prioridade

O mandatario provincial manifestou que “as administracións públicas temos a obriga de impulsar este proceso e de colaborar coas asociacións que axudan a implantalo, de feito, así o estamos facendo dende a institución provincial, situando as políticas sociais como piar da nosa acción de Goberno”. Engadiu, ademais, que “o fomento do emprego é unha das mellores políticas sociais. Tamén neste caso, porque unha persoa con diversidade funcional, con diferentes condicionantes físicos ou psíquicos, non pode engadir á súa loita diaria a lousa que supón carecer de emprego”. “Na construción dos nosos proxectos persoais, o emprego é un factor fundamental, non só como sustento económico, senón tamén como elemento que nos axuda a reivindicar a nosa dignidade como persoas”, afirmou.

Avanzou Tomé Roca na súa intervención que “na loita por evitar que haxa persoas de primeira e de segunda no acceso ao emprego ou en calquera ámbito da vida, seguirémonos implicando dende a Deputación, con medidas directas, e tamén a través da colaboración co tecido asociativo e produtivo, nun camiño no que é imprescindible seguir avanzando, porque é o que de verdade mide o progreso da nosa sociedade”.

Compromiso do Concello de Lugo

Pola súa parte, a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, ratificou "a vontade do Goberno Local, xa dende o mandato anterior, de pular pola inclusión efectiva dos colectivos vulnerables e das persoas con diversidade funcional en todos os ámbitos". Neste senso, o Concello vén de adxudicar a Coregal Parques e Xardíns as obras do Plan de Embelecemento Dito e Feito, "a través do cal se acometerán pequenas intervencións que mellorarán a conservación e acondicionamento dos barrios da capital", subliñou a rexedora, quen apuntou outras iniciativas con Centros Especiais de Emprego como o Muramiñae Rehabilita ou o servizo de información e atención nos centros de convivencia do rural. Deste xeito, destacou a iniciativa do Concello á hora de impulsar políticas transversais de integración e avogou por "fomentar, dende tódolos eidos posibles, unha igualdade plena de toda a cidadanía tamén dende o aspecto físico, eliminando barreiras e apostando por un urbanismo integrador".

O Concello de Lugo recibiu en marzo deste ano o Premio CEGASAL á Administración local máis comprometida de Galicia cos Centros Especiais de Emprego de Iniciativa Social, durante a celebración da V edición dos Premios organizados por esta Asociación Empresarial, nun acto que tivo lugar no Teatro Principal de Ourense.

A Deputación, pioneira

O presidente de CEGASAL, pola súa banda, subliñou que a Deputación de Lugo é pioneira en España en promover un proxecto como o da exposición de fotografía que percorreu a provincia este verán para dar visibilizar e poñer en valor o traballo que desenvolven as persoas con discapacidade nas empresas.

Na mesa de análise sobre a contratación con persoas con capacidades diferentes estivo presente Rosa Gutiérrez, encargada da xestión directa dun Centro Especial de Emprego; Pablo Seoane Cancelo, asesor técnico do servizo de contratación e fomento da Deputación; Javier Blanco, director da asociación Foro da Contratación Socialmente Responsable; e diferentes persoas que acudiron para participar nesta xornada arredor do acceso ao mundo laboral e as persoas con discapacidade. 

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participou na clausura desta acción. 

A mostra

Os corredores da planta baixa do Pazo de San Marcos acollen ata final de mes a mostra CEGASAL: unha asociación de persoas para as persoas. Unha exposición centrada na inserción laboral das persoas con discapacidade e que conta con 24 imaxes realizadas polo fotógrafo coruñés Diego Silva. 

Cada unha das fotografías reflexa o día a día das persoas no seu posto de traballo, como pode ser unha dependenta dunha tenda de moda, un xardineiro, persoal da limpeza, un operador de maquinaria ou un operador de fábrica. 

 A Deputación levou durante o verán esta exposición aberta e gratuíta aos municipios de Monforte de Lemos, Vilalba, Viveiro, A Fonsagrada e Foz. 

CEGASAL

CEGASAL é unha organización que se constituíu en Galicia en 1997 co obxectivo de fomentar o emprego de calidade para as persoas con discapacidade e risco de exclusión social. Actualmente, conta con 35 centros especiais de emprego asociados, isto é, empresas de titularidade privada nas que polo menos o 70% do cadro de persoal está conformado por traballadores e traballadoras con discapacidade. No seu conxunto facturan uns 44M€ anuais.

Na provincia de Lugo, CEGASAL conta con dous centros especiais de emprego, Grafinco e Produtores de Carne da Ribeira Sacra, que dan emprego a preto dunha vintena de persoas con capacidades diferentes.