Deputación de Lugo
Formación

O Centro de Formación Audiovisual da Deputación retoma as prácticas co arranque do curso 2022-2023

Servizo de Audiovisuais
Centro de formación audiovisual
O equipo directivo e docente da Escola da institución provincial deu este xoves a benvida aos alumnos de 1º e 2º dos ciclos superiores de Realización e Produción, no inicio do novo curso académico que volve á normalidade nas aulas tras a pandemia

Un total de 20 mozos e mozas comezan no centro de Imaxe e Son lucense a rama de Realización tras cubrir a totalidade das prazas ofertadas. Ata o mes de outubro segue aberto o prazo de inscrición para o módulo de Produción con vacantes aínda dispoñibles

O equipo directivo e docente do Centro de Formación Audiovisual da Deputación de Lugo deu este xoves a benvida aos alumnos de 1º e 2º curso dos ciclos superiores de Realización e Produción que realizarán os seus estudos neste ano académico 2022-2023, o primeiro sen restricións nas aulas tras a pandemia. Coa volta á normalidade, retómanse as prácticas en escenarios reais, unha das sinais de identidade da Escola que, xunto a matrícula gratuíta, forma parte do modelo de ensino público e de calidade que promove a institución provincial no centro educativo.

Os actos de presentación desta primeira xornada formativa incluíron visitas ás instalacións e desenvolvéronse ao longo de toda a mañá en dúas quendas. A primeira arrancou ás 9.30 horas co alumnado de novo ingreso de ambos ciclos, e a segunda quenda, que tivo lugar ás 12.30 horas, estivo dirixida aos alumnos que xa iniciaron os seus estudos o pasado curso.

Cubertas as prazas no ciclo de Realización
A Escola de Imaxe e Son da Deputación inicia o novo curso coa totalidade de prazas cubertas para o ciclo superior de Realización de Audiovisuais, Radio e Espectáculos. Un total de 20 novos mozos e mozas iniciaranse nesta especialidade tras formalizar a súa matrícula no centro da institución provincial.

O período de inscrición mantense aberto, ata principios do vindeiro mes de outubro, na rama de Produción de Audiovisuais, Radio e Espectáculos, con vacantes aínda dispoñibles. As persoas que estean interesadas poden acceder a toda a información sobre este ciclo na seguinte ligazón da web provincial: http://www.deputacionlugo.gal/gl/temas/audiovisuais/centroformacion/regrada/matricula, ou ben chamando ao teléfono do centro 982.28.46.67.

Retómase o programa de prácticas
Unha das novidades do inicio deste curso académico no Centro de Formación Audiovisual da Deputación é a recuperación das prácticas en escenarios reais, que se viron paradas a causa da crise sanitaria.
O plan de estudos do CFA retoma así, un dos sinais de identidade no seu modelo formativo xa que permite aos estudantes poñer en práctica os coñecementos teóricos adquiridos nas aulas en coberturas reais como retransmisións en directo, a organización de eventos ou incluso formando parte dun equipo de rodaxe ao lado dos mellores profesionais en grandes producións coas que colabora o organismo provincial, como por exemplo o último éxito nacional do director monfortino Dani de la Torre co film Live is Life.

A Deputación, ademais de apostar por un modelo de ensino público e de calidade, está a apoiar directamente á industria audiovisual, lucense e galega, como unha vía importante de promoción cultural e económica da provincia.