Cooperación concellos
Deputación de Lugo

A Deputación participa na Feira de Ano de Gomeán, unha cita que enxalza o rural da provincia dende O Corgo

O Corgo
Feira de Ano de Gomeán
Participación Cidadá
O Deputado de Recursos Sostibles, Roberto Fernández Rico, participou este domingo na segunda edición desta cita que organiza a Asociación de Veciños de Gomeán O Salgueiriño e coa que colabora a institución provincial

O programa incluíu exhibición de animais de razas autóctonas, demostracións de rapa a cargo de rapadores da zona da montaña e de pastoreo do gando extensivo con cans de raza Border Collie, así como a posta en valor dos oficios tradicionais e dos produtos da zona

O Deputado de Recursos Sostibles, Roberto Fernández Rico, participou este domingo na  segunda edición da Feira do Ano de Goméan que organiza a Asociación de Veciños de Gomeán O Salgueiriño neste lugar do Corgo. Unha cita cun amplo abano de actividades e demostracións coa que o colectivo pretende recuperar a tradición das feiras nesta localidade corguesa que antano celebraba unha ao mes. 

A institución provincial colabora con 4.000€ coa cita, a través das áreas de Medio Rural e de Participación Cidadá, co fin de impulsar esta feira na que os produtos locais e os oficios tradicionais comparten o protagonismo coa gandería, cunha mostra de animais de razas autóctonas e con demostracións de rapa, a cargo de rapadores da zona da montaña, e de pastoreo do gando extensivo con cans de raza Border Collie.

Fernández Rico recoñeceulle á organización que apostase por “unha cita que dá boa mostra do que dende a Deputación de Lugo non nos cansamos de repetir: que o noso rural non está baleiro, senón que está cheo de ideas e de iniciativas que necesitan de políticas públicas para saír adiante”. Avanzou, así mesmo, “que a filosofía da feira porque coincide plenamente cunha das nosas liñas de actuación prioritarias, como é o apoio aos sectores produtivos, sobre todo ó sector primario, un sector estratéxico para a nosa provincia”.

Así mesmo o Deputado puxo o foco en que a Feira de Gomeán dinamiza “o noso rural, a nivel social, a nivel cultural, e tamén a nivel económico, pois a súa celebración ten un retorno para a economía local, do Corgo e da comarca, cun impacto positivo na hostalería, no comercio e no turismo”. De feito, explicou “colaboramos porque este tipo de iniciativas visibilizan, promocionan e poñen en valor o noso sector agrogandeiro, o traballo dos gandeiros e gandeiras, e a alta calidade dos seus produtos, e isto para a Deputación de Lugo, é fundamental”.